A OPOSICIÓN CHAMA A MANTER OS PROTESTOS

Morales convoca novas eleccións para pacificar Bolivia

Morales convoca novas eleccións para pacificar Bolivia
O presidente de Bolivia, Evo Morales (@EvoEsPueblo)
O presidente de Bolivia, Evo Morales (@EvoEsPueblo)  

O Estado Plurinacional de Bolivia voltará ás urnas. O presidente Evo Morales, reelixido nos comicios de outubro, asegurou tomar a decisión de convocar novas eleccións porque como presidente ten «a obriga de buscar a paz social en Bolivia». Ao líder opositor non lle vale a nova convocatoria se Morales repite coma candidato e chama a manter a mobilización na rúa.  


Após a vitoria de Evo Morales nas eleccións de outubro o Estado Plurinacional de Bolivia tornará ás urnas. Así o decidiu o propio Morales, asegurando que busca a pacificación do país logo de semanas de mobilizacións e violencia nas rúas alentadas polas forzas neoliberais que non recoñecen a vitoria do Movemento ao Socialismo do presidente Morales.

«Non podemos estar enfrontados entre irmáns bolivianos», aseverou o xefe do Estado, esperando que cese a violencia nas rúas, sobre os edificios do Goberno e sobre as e os representantes institucionais e militantes da esquerda que aconteceron nos últimos días. De feito, o Goberno alertou a pasada sexta feira 8 de novembro dun intento de golpe de Estado e chamou a defender a democracia.

«Non podemos estar enfrontados entre irmáns bolivianos», aseverou o xefe do Estado

Morales apelou este domingo 10 de novembro a poboación e a todas as forzas políticas a procuraren «xuntas a pacificación». Desta maneira, o presidente cumpre coa demanda da oposición de repetir os comicios.

Porén, o ex candidato presidencial opositor da alianza política Comunidade Cidadá, Carlos Mesa, declarou que debido ás acusacións que realizou de fraude electora, tanto o actual presidente como o vicepresidente de Bolivia, Álvaro García Linera, deberían "estar inhabilitados para participar nas novas eleccións", considerou ao seu valor.

«No novo proceso electoral Evo Morales e Álvaro García  Linera non poderán ser candidatos», aseverou Mesa e chamou a manter a mobilización na rúa.

Morales gañou as eleccións a 20 de outubro e en primeira volta, cuestión que a dereita non aceptou e acusouno de fraude electoral chamando a mobilizacións nas rúas.

Violencia contra cargos e militantes do MAS

O Goberno denuncia tamén a violencia dos opositores denominados ‘dirixentes cívicos’ que «impulsan» a queima de institucións electorais e perseguen cargos e simpatizantes do MAS.

Sexta feira 9 de novembro, foi asaltada e queimada a casa do concello de Vinto, en Cochabamba, e a alcaldesa do MAS, Patrice Arce, foi rapada, botáronlle pintura vermella por todo o corpo e obrigada a camiñar polas rúas da cidade rodeada dunha manchea de opositores e conducida durante quilómetros camiñando polas rúas até que finalmente puido ser rescatada pola policía.

Evo Morales denunciou hoxe en Twitter o ataque que sufriron vivendas de cargos institucionais do Movemento ao Socialismo así como a propia irmá do presidente.