Morre Blas Piñar cando se está a recompor o espazo da ultradireita española, co aparecimento de VOX

Morre Blas Piñar cando se está a recompor o espazo da ultradireita española, co aparecimento de VOX
Blas Piñar
Blas Piñar  

O fundador de Fuerza Nueva finou aos 96 anos. O pasamento do que liderou a extrema dereita española prodúcese no momento en que esta se re-estrutura arredor de Vox, o partido de Ortega Lara. 


Blas Piñar faleceu esta terza feira (28 de febreiro) en Madrid. O fundador de Fuerza Nueva e deputado en Cortes españolas pola coligación Unión Nacional converteuse en líder histórico do fascismo español re-constituído após a restauración da monarquía española en 1975 arredor de distintas siglas e coligacións electorais como Alianza Nacional 18 de xullo ou máis recentemente con Alternativa española. 

Segundo El Mundo, Mayor Oreja abandona a carreira eleitoral para non competir eleitoralmente co partido de Ortega Lara

O pasamento de Piñar coincide coa re-estruturación da ultra-dereita española que está a se agrupar arredor do partido encabezado polo ex-funcionario de prisións Ortega Lara. Este novo proxecto reclama entre outras a "supresión do Estado das autonomías" e a instauración dun "estado unitario" cun só goberno e un parlamento. 

Vox, o novo partido da ultra-dereita española

O xurdimento desta formación está a remexer as bases do Partido Popular. Neste senso, o europarlamentar e ex-presidente do PP de Cataluña, Alejo Vidal-Quadras anunciou recentemente a súa baixa no PP e a súa incorporación a Vox. Unha decisión que o propio Vidal-Quadras atribuía entre outras razóns a unha desafección co programa político popular e coa falta de democracia interna que atribúe á dirección do partido. Asemade, salientou que a postura do goberno español e o PP a respeito do proceso soberanista catalán é pouco contundente. 

Os últimos movementos no PP e o rexeitamento de Jaime Mayor Oreja a encabezar a candidatura ás eleccións europeas -segundo El Mundo, o ex ministro de Interior abandona a carreira eleitoral para non se enfrentar a Ortega Lara- albiscan unha re-organización do sector máis radical entre @s populares que mesmo podería devir en novas baixas para o partido que pasarían a se afiliar a Vox.