NOS ÚLTIMOS ANOS IMPLICÁRASE NA RESOLUCIÓN DO CONFLITO VASCO

Morre Kofi Annan, ex secretario xeral da ONU

Morre Kofi Annan, ex secretario xeral da ONU
Kofi Annan, ex secretario xeral da ONU, en 2012. Foto: cedida.
Kofi Annan, ex secretario xeral da ONU, en 2012. Foto: cedida.  

O ex secretario xeral das Nacións Unidas Kofi Annan morreu este sábado en Suíza. O diplomático ganés dirixira a ONU entre 1997 e 2006 e no 2001 foi distinguido co premio Nobel da Paz “por revitalizar o organismo, por lle dar prioridade aos dereitos humanos” e pola súa oposición ao “terrorismo internacional” e o seu compromiso na loita contra a sida en África.


Annan nacera en Kumasi, Ghana, en 1938. Formouse academicamente no seu país natal e con menos de 30 anos comezou a traballar en organismos internacionais relacionados coas Nacións Unidas. Na década dos 70 tamén participou dos gobernos de Ghana.

Como secretario xeral da ONU -sucedeu ao exipcio Boutros-Ghali despois de que Estados Unidos vetase o seu segundo mandato-, impulsou a reforma da institución. Liderou algunha das campañas de máis sona -a medio camiño entre a propaganda e os efectos realis-, como a dos Obxectivos do Milenio.

Cando Estados Unidos, co apoio do Goberno británico de Tony Blair e do español de José María Aznar, se botou á invasión de Iraq -baseada nunha infame campaña de mentiras-, Annan instouno a non o facer sen autorización das Nacións Unidas. En 2004 declarou que a acción dos Estados Unidos era “ilegal”.

Nos últimos anos implicouse na resolución de conflitos, entre eles o do País Vasco. En 2011 amosouse “esperanzado ante a fin do último conflito armado de Europa” durante a súa participación na conferencia de paz do Palacio de Aiete de Donosti.