Morreu Samir Amin

Morreu Samir Amin

O domingo 12 de agosto morreu en París a idade de oitenta e sete anos o economista exipcio Samir Amin. A súa abondosa obra teórica é unha referencia obrigada para todo o pensamento crítico e moi particularmente para a tradición política dos movementos de liberación nacional. Militante desde moi novo no campo das organizacións antimperialistas era un bo coñecedor da problemática galega, tendo visitado o noso país en reiteradas ocasións.

Samir Amin naceu na capital de Exipto en 1931, estudou ciencias políticas e economía en Paris, onde se incorporou ao Partido comunista francés, partido co que racharía polo súa posición chovinista e tamén pola influencia do maoismo. Militante comunista até os seus derradeiros días, combinou a actividade política e social coa docencia, impartindo aulas nas universidades de Potiers, París VII ou Dakar, a onde chegaría pola amizade que lle unía co líder da independencia de Senegal Leopold Senghor. Sería precisamente neste último país onde pasaría as últimas décadas, primeiro como director do Instituto Africano de Desenvolvemento Económico e Planificación e posteriormente como máximo responsábel do Foro do Terceiro Mundo.

Samir Amin Vigo.

A súa obra teórica ocupa un lugar central no pensamento crítico dos últimos cincuenta anos. Samir Amin dedicou boa parte dos seus estudos a analizar as relacións entre os países desenvolvidos e os subdesenvolvidos significando que as causas dos mesmos están na propia natureza do capitalismo, aspectos que desenvolveu nos textos referidos ao desenvolvemento desigual. Ao tempo fundamentou unha das críticas máis incisivas ao pensamento eurocentrico, entendido como a ideoloxía do modo de produción dominante pero tamén da esquerda dos países centrais do capitalismo, defendendo a desconexión como eixo dunha alternativa que posibilite o progreso dos pobos da periferia. O economista exipcio formulou nas últimas décadas unha crítica frontal da globalización, cualificando a Unión Europea como "o capitulo europeo do proxecto atlantista" e defendendo a "desconstrución de Europa realmente existente" e o abandono do euro como condición necesaria para a posta en marcha no continente de alternativas favorábeis as maiorías sociais.

A influencia de Samir Amin será decisiva no corpo doutrinal dos movementos de liberación nacional. A este respecto, nos seus últimos traballos publicados na revista norteamericana Montly Review, destacaba o carácter central das organizacións nacionalistas para calquera cambio no sistema, sinalando a demanda da soberanía nacional como o elemento chave de calquera proposta revolucionaria. A formulación do último Amín é coherente coas achegas que ven facendo desde finais da década dos cincuenta con categorías como contradición centro periferia, desenvolvemento e intercambio desigual ou alternativa nacional popular. Neste sentido coincidirá coa tradición heterodoxa ligada ás loitas anticoloniais, emparentando e coincidindo coa obra de Paul Baran, de Paul Swezy ou os teóricos da dependencia como Gunder Frank, Rui Mauro Marini ou Thetonio dos Santos, morto tamén recentemente.

Samir Amín foi un amigo de Galiza deixando o seu pensamento un importante pegada nunha parte dos nosos economistas e nas análises do nacionalismo galego. A última visita ao noso país coincidiu coa súa participación na semana de filosofía de Pontevedra en abril de 201, mantendo posteriormente unha xuntanza coa dirección do BNG e participando na manifestación da CIG do primeiro de maio en Vigo. Porén a presenza de Amín entre nos retrotraese á década dos setenta, sendo notoria o seu pouso na conformación da proposta doutrinal da alternativa nacional popular e dalgún máis significados economistas. A obra de Amín está presente nas análises de economistas galegos como Ramón López Suevos, María do Carmo García Negro, Xosé Manuel Beiras ou Xosé Díaz quen mesmo traducirá ao noso idioma algúns dos seus traballos.

Foto interior: Samir Amin en Vigo cunha delegación do BNG na manifestación da CIG do primeiro de  maio de 2011.