ORIENTE PRÓXIMO

"Morte os EUA!": Irán conmemora a toma de reféns de 1979

"Morte os EUA!": Irán conmemora a toma de reféns de 1979
Un momento da manifestación desta segunda feira. Foto: Europa Press
Un momento da manifestación desta segunda feira. Foto: Europa Press  

En Teherán, miles de persoas marcharon desde primeira hora da mañá fronte a antiga delegación diplomática estadounidense, no centro da capital, con pancartas tamén en contra de Israel e de loanzas ao Islam.


Irán conmemorou esta segunda feira, 4 de novembro, o 40º aniversario da toma de reféns na embaixada dos EUA en Teherán con manifestacións contra o país norteamericano en numerosas cidades do país. Na capital , miles de persoas marcharon desde primeira hora da mañá ante a antiga delegación diplomática, no centro, segundo informan as axencias internacionais.

A televisión estatal difundiu en directo imaxes de protestas similares noutras poboacións do país, como Machlad (no norte) ou Ispahan (no centro), respectivamente a segunda e terceira cidades máis poboadas. Segundo a axencia Mehr, próxima aos conservadores, “as autoridades iranianas ao máis alto nivel, así como millóns de persoas participan nestas manifestacións” en todo o país.

En Teherán, homes, mulleres -a gran maioría cubertas co chador- e crianzas axitaban pancartas en inglés e persa sobre as que se podía ler: “Morte a América, morte a Israel, vitoria para o Islam” ou carteis con mofas ao presidente dos EUA, Donald Trump.

O 4 de novembro de 1979, menos de nove meses despois do derrocamento do último sha de Irán, un grupo de estudantes que apoiaban a Revolución Islámica tomaron a embaixada dos EUA en Teherán, cualificada daquela de “niño de espías” polos seguidores do aiatolá Khomeini, fundador da República Islámica.