O movemento cultural bretón móvese contra a ‘francesización’ da toponimia: “É a destrución dunha cultura”

O movemento cultural bretón móvese contra a ‘francesización’ da toponimia: “É a destrución dunha cultura”

Máis de 70 escritores, músicos, artistas e académicos asinan unha carta aberta na que piden que se respecte a toponimia bretoa.


‘Non á francesización dos nomes de lugares e rúas na Bretaña”. O título da carta aberta asinada por un total de 76 representantes do mundo da cultura bretoa non deixa lugar a dúbida: é un chamado ao respecto da toponimia propia da Bretaña, rexeitada nas oficinas do servizo de correos francés. Unha actitude, afirman as persoas asinantes, que é “a destrución dunha cultura” a través da deturpación dos seus topónimos.

O servizo francés de correos, denuncian, presiona para a simplificación dos nomes de rúas e a francesización dos topónimos. Fronte a iso, demandan, “debemos defender o noso patrimonio cultural, que fai parte do patrimonio de Bretaña, mais tamén do patrimonio de Francia e Europa e da humanidade".

A semana pasada organizouse un encontro na praia de Traez-Beleg, en Telgruc, onde ducias de persoas reclamaron respecto para a toponimia.

Mesmo o Consello Rexional de Bretaña manifestou que “non pode aceptar que o servizo público de La Poste (o ‘Correos francés’) estea actuando en contra da diversidade lingüística do noso territorio e da protección das linguas".

O Correos galo invoca a necesidade de simplificar a toponimia bretoa e mesmo “eliminar” letras como a c’h por supor, indican, problemas para os lectores electrónicos.