A PEQUENA VILA, COLAPSADA

Multitudinaria manifestación en defensa dos mozos de Altsasu

Multitudinaria manifestación en defensa dos mozos de Altsasu
Imaxe da manifestación deste domingo en Altsasu. Foto: @Altsasugurasoak
Imaxe da manifestación deste domingo en Altsasu. Foto: @Altsasugurasoak  

Milleiros de persoas desprazáronse este domingo á localidade navarra de Altsasu para manifestar o seu rexeitamento á situación de sete mozos condenados a entre seis e 13 anos de prisión por un incidente nocturno cuns gardas civís de paisano. A vila, de 7.500 habitantes, ficou colapsada ante a elevadísima asistencia de xente.
 


“Mozos de Altsasu, liberdade” foi a consigna máis coreada, segundo explica o xornal Naiz. Os pais dos rapaces encarcerados abrían a comitiva e provocaban vítores e aplausos ao seu paso. En ausencia de estimacións, o periódico vasco fala de “talvez decenas de miles de persoas”. O Diario de Navarra cifrounas en 65.000.

O itinerario da marcha, concibido para que os asistentes coñecesen mellor o caso dos condenados, pasou polos lugares en os oito mozos foron detidos. Dezaoito pancartas situadas en diferentes puntos de Altsasu resumían os principais fitos do caso: a pelexa, o chío de Raxoi, a presión mediática, as detencións, a sentenza, a loita solidaria.

Os responsábeis da plataforma de apoio aos mozos de Altsasu e mais os pais falaron á multitude no termo da manifestación. “Non é xustiza porque as condenas non resisten ningunha análise comparativa”, dixeron. Finalmente Ainara Urkijo, procesada pero a única que non entrou en prisión, leu unha carta dos encarcerados: “É perigoso o uso que fan do agravante de discriminación. Esta norma debería usarse para protexer minorías, grupos vulnerábeis, ou persoas atacadas pola súa ideoloxía. Mais a Garda Civil non é un grupo vulnerábel”.



x