SURÁFRICA FAISE CO MUNDIAL DE RUGBY

Un mundial para repintar a 'Nación Arco Iris'

Un mundial para repintar a 'Nación Arco Iris'
Siya Kolisi, o primeiro capitán negro dos 'Springboks', levanta a copa Webb Ellis. Foto: Europa Press
Siya Kolisi, o primeiro capitán negro dos 'Springboks', levanta a copa Webb Ellis. Foto: Europa Press  
Nelson Mandela sabía da capacidade do deporte para unir. En 1995, un ano após ser elixido presidente de Suráfrica, apostou contra todo prognóstico e coa oposición de membros do seu partido pola selección de rugby, un símbolo durante décadas do apartheid. O triunfo dos Springboks no mundial dese ano evitou unha guerra civil no albor da democracia. Poderá o recente éxito da selección no Xapón servir como bálsamo para a grave crise económica e social actual?

"O deporte ten o poder de cambiar o mundo. Ten o poder de inspirar, ten o poder de unir a xente dunha maneira que poucas outras cousas teñen. Fala á xuventude nunha lingua que entende. O deporte poder xerar esperanza onde antes só había desesperación. É máis poderoso que os Gobernos rompendo barreiras raciais. Ri na cara de todo tipo de discriminación". 

Estas inspiradoras palabras foron pronunciadas por Nelson Mandela na cerimonia de apertura do Premio Laureus World Sports ao deportista con discapacidade do ano 2000, en Montecarlo. Un discurso que resume perfectamente a filosofía do primeiro presidente de Suráfrica após a caída do apartheid. Un discurso que podería servir de novo como bálsamo para a situación actual dun país economicamente deprimido e inmerso nunha espiral de violencia, tanto polo racismo e desconfianza entre a minoría branca e a maioría negra  que perdura -así como as diferenzas socioeconómicas-, como polos recentes ataques contra a poboación inmigrante chegada dos países veciños. 

Guerra civil

Mandela loitou desde moi novo contra o colonialismo no seu país. Sendo membro do Partido Comunista Surafricano, co que levou a cabo unha campaña de sabotaxe, foi detido e encarcerado en 1962, acusado de conspiración para derrocar o Estado. A sentenza: cadea perpetua.

A presión doméstica e internacional levou o presidente F. W. de Klerk a o liberar en 1990. Mandela e de Klerk negociaron a fin do apartheid; organizáronse, en 1994, as primeiras eleccións xerais multirraciais de 1994, e Mandela, á fronte do Congreso Nacional Africano (CNA), chegou á Presidencia de Suráfrica.

Nelson Mandela atopou un país con graves problemas económicos, debido á falta de investimentos estranxeiros, e absolutamente dividido. Unilo, así como recuperar a confianza internacional, foi o seu principal obxectivo.

Xusto un ano despois de chegar ao poder, Suráfrica acollía a organización do Campionato Mundial de rugby. Mandela viu nesta importante cita deportiva o que ninguén máis vira: a posibilidade de romper fronteiras internas na sociedade ao tempo que dar unha imaxe positiva ao mundo. A selección nacional sería o catalizador.

Nada podía ser máis controvertido que usar un dos principais símbolos do apartheid como ponte entre esa minoría branca (menos de 20%), que gozaba dos máis altos estándares de vida en toda África -comparábeis aos dos países do Primeiro Mundo-, coa discriminada e marxinada maioría negra.

Reapropiación da gacela

De feito, coa chegada do CNA ao poder, unha das primeiras medidas foi a substitución do emblema dos combinados nacionais, a gacela (de aí o nome polo que son coñecidos, os Springboks, en inglés), pola protea, a flor nacional de Suráfrica. 

A gacela, introducida a comezos do século XX como símbolo de unidade entre os colonos descendentes dos ingleses e dos neerlandeses despois de dúas guerras Anglo-Boer, até o daquela era unha icona das leis de segregación racial tamén no deporte. A situación era tal que a sociedade negra apoiaba calquera equipo que se enfrontara cos Springboks, tal e como recoñeceu que fixera o propio Mandela durante a súa estancia no cárcere.

Mais Madiba, nome do seu clan  e polo que o presidente surafricano foi sempre popular e cariñosamente coñecido, viu que o futuro do país non podía pasar pola vinganza e o desquite e si pola reconciliación; viu na gacela, nos Springboks, unha ferramenta de conquista do inimigo de cara á Suráfrica post apartheid, o que o arcebispo Desmond Tutu denominou a "Nación Arco Iris"; viu o poder que o deporte ten para o cambiar o mundo. 

E funcionou. Tanto que a gacela se mantivo como emblema na selección nacional de rugby, ao contrario que noutros deportes que asumiron a protea. Nos meses previos ao mundial, Mandela aliouse co capitán dos Springboks, François Pienaar, o que pediu que percorrese o país canda todo o combinado para dar a coñecer o deporte entre a poboación negra -máis afeccionada ao fútbol-.

Deste xeito, o éxito final na Copa do Mundo foi compartido por todo o país. Nun xesto final que resume todo o proceso, o presidente Nelson Mandela, vestindo un xersei dos Springboks, entregou ao capitán François Pienaar, un afrikaner branco, a copa Webb Ellis. Xesto que internacionalmente se viu como un paso xigante de cara á reconciliación entre as poboacións branca e negra.

A historia revírase

Case un cuarto de século despois, a Nación Arco Iris está descolorida. O país máis industrializado do continente, un dos BRICS (as cinco economías nacionais emerxentes: Brasil, Rusia, a India, a China e a propia Suráfrica), está en recesión. 

As empresas estatais como a eléctrica Eskom, que xera case toda a electricidade do país, afrontan graves problemas desde hai varios anos que levaron durante 2019 a varios cortes de electricidade importantes, os máis serios durante os meses de febreiro e marzo.

O desemprego non para de aumentar e alcanza cifras que chegan a case o 30%. Unha situación que, ademais, provocou un aumento da violencia xenófoba.

Nos últimos meses, o terror estendeuse polas principais cidades surafricanas nunha vaga de  agresións a inmigrantes co resultado de cando menos 12 persoas mortas, centos de arrestos, repatriacións masivas, boicots comerciais e saqueos. En represalia, producíronse ataques contra intereses sudafricanos en varios países da rexión. 

Esta vez son negros surafricanos saqueando as tendas de estranxeiros, tamén negros, levados pola ira e esixíndolles que regresen aos seus países 

Máis dun cuarto de século despois da caída do apartheid, as imaxes desde Suráfrica xa non son as forzas policiais de brancos encirrando os seus cans contra adolescentes negros nos townships, os arrabaldes das cidades. Esta vez son negros surafricanos saqueando as tendas de estranxeiros, tamén negros, levados pola ira e a xenreira e esixíndolles que regresen a Namibia, Nixeria, Somalia ou Zimbabwe

A grave situación levou ao malestar entre os países veciños. Un malestar que se produce xusto cando o país busca estender a súa presenza comercial no continente a través do Acordo Continental de Libre Comercio (CFTA, polas súas siglas en inglés), que entrou en vigor o pasado 30 de maio.

Cae o investimento

O presidente surafricano, Cyril Ramaphosa, co país sumido no estancamento económico e coa desigualdade como factor diferenza (é, canda o Brasil, un dos países máis desiguais do mundo), anda á procura de investimentos estranxeiros, como hai 25 anos fixera o presidente Mandela.

Segundo informou a Cámara Surafricana de Industria e Comercio e recollen os medios nacionais, a confianza empresarial rexistra algarismos que non se daban desde 1985, ano en que a ONU pediu intensificar as sancións económicas contra Suráfrica por mor do apartheid.

En xogo está levantar o voó ao tempo que se mantén a feble paz social en Suráfrica. Porque é esta inestabilidade económica a que   leva a un triste lugar común en todo o mundo: culpabilizar os estranxeiros, chegados ao país fuxindo da pobreza para poder saír adiante, da súa mala situación socioeconómica. Máis aínda cando non hai moito eran os surafricanos os que recibían a benvida nestes mesmos países veciños como refuxiados do odio xenófobo.

Con todo, o racismo interno en Suráfrica está lonxe de ser algo do pasado, e a grave desigualdade vai parella habitualmente á cor da pel. A cooperación entre razas nun país de guetos é a excepción máis que a norma. É por iso que cobra especial importancia o recente éxito dos Springboks no Mundial de Xapón, coa súa vitoria o pasado sábado na final fronte a Inglaterra.

Siya Kolisi, o primeiro capitán negro da historia do combinado nacional, sinalou tras a consecución do título: "O equipo superou unha chea de desafíos, mais o pobo de Suráfrica estivo sempre detrás nosa. Hai moitos problemas no noso país; sabemos que vimos de diferentes contextos, de diferentes razas, mais unindo esforzos logramos o noso obxectivo".