Eleccións municipais en Irlanda do Norte: Sinn Féin mantense como segunda forza e volve gañar en Belfast

Eleccións municipais en Irlanda do Norte: Sinn Féin mantense como segunda forza e volve gañar en Belfast
Belfast
Belfast  

O republicanismo irlandés logra 105 dos 462 representantes municipais a elixir nos seis condados da illa baixo soberanía británica. O unionista DUP é o máis votado (122 representantes) e sube con forza Alliance -centrista e intercomunitaria- (53). A esquerdista People Before Profit atinxe 5 edís, todos por barrios nacionalistas. UKIP fican sen representantes.


 


As eleccións municipais en Irlanda do Norte non deixan grandes mudanzas, DUP e Sinn Féin mantéñense como as dúas principais forzas políticas, mais si que apontan novidades de interese respecto aos comicios de hai cinco anos, 2014, tal e como debulla o blog Innisfree. O unionista DUP foi a forza máis votada, 24% dos votos e 122 edís, recuperando así o posto que o Sinn Féin lle arrebatara en 2014. Os republicanos irlandeses rexistran un leve descenso, 8 décimas menos, mais o 23% de apoio nas urnas permítelle ter 105 representantes nos gobernos locais de Irlanda do Norte, 2 máis dos que posuían.


Unha das novidades destas eleccións foi o importante aumento rexistrado por Alliance, a formación de centro e que naceu afirmndo que ía superar a división unionista / nacionalista. Logrou 53 concelleiros e concelleiras e sitúase en posición de querer disputar o posto de terceira forza norilandesa ao SDLP (socialdemócratas e nacionalistas irlandeses, 59 edís) e UUP (unionistas, 75 representantes). Estas dúas forzas retrocederon en apoios.


TUV, extremistas unionistas, pasan de 13 a 6 edís e a dereita británica dura que representa UKIP non logra ningún representante (tiña 3). O Partido Verde duplica concelleiros e concelleiras (de 4 a 8) e People Before Profit (de ámbito irlandés, nado dunha confluencia de activistas e formacións como a trotskista Partido Socialista dos Traballadores) pasa de 1 a 5, logrados en feudos nacionalistas. Aontú, escindidos do Sinn Féin, lograron só 1 edil.


Tamén lograron representación 23 candidatos independentes, entre eles Gary Donnell, ex portavoz do Movemento pola Soberanía dos 32 condados, formación republicana irlandesa oposta ao acordo de paz e que foi eleito concelleiro no distrito onde o Novo IRA matou recentemente no marco duns disturbios á xornalista Lyra McKee.


En Belfast a forza máis votada foi o Sinn Féin, logrando 18 concelleiros e concelleiras. DUP obtivo 15 e Alliance 10. SDLP atinxe 1 edil, Partido Verde 4, People Before Profit 3 e UUP, 2. No que respecta a Derry, nesta cidade tamén gañou o Sinn Féin mais rexistrou un importante retroceso, ficando en 11 edís, os mesmos que logrou SDLP.