ENQUISA ITV / CARDIFF UNIVERSITY

O soberanismo gañaría por primeira vez as eleccións en Gales

O soberanismo gañaría por primeira vez as eleccións en Gales
Foto: Walesonline
Foto: Walesonline  

Plaid Cymru sería a forza máis votada (24%), superando laboristas e conservadores, segundo unha sondaxe da Universidade de Cardiff.

 


De haber eleccións agora para elixir os membros da Asemblea Nacional de Gales (Parlamento), o Plaid Cymru sería a forza máis votada, o que suporía que o soberanismo galés gañaría por primeira vez unhas eleccións. Esta formación obtería 24% dos votos e superaría o Partido Laborista, actualmente gobernando, que atinxiría 21% e o Conservador, que lograría 19%.

Son os dados dunha enquisa feita por ITV e a Universidade de Cardiff. Na mesma tamén se outorga 19% de apoios á dereita dura e probritánica do Brexit Party, 12% aos Liberal-Demócratas e 4% ao Partido Verde. Así pois, as forzas de obediencia británica continúan a sumar ampla maioría.

O Plaid Cymru foi segunda forza nas eleccións de 2016, por detrás dos laboristas: o Partido Laborista logrou 29 escanos na Asemblea Nacional de Gales, por 12 do Plaid Cymru (agora 11, tras pasar 1 ao grupo mixto), 11 dos conservadores británicos e 8 deputados do resto de forzas.

Na súa conferencia política de primavera de 2018 en Llangollen, encontro que decorreu baixo o lema Coni cenedl newyddn (Construíndo unha nova nación), Plaid Cymru aprobou que a formación convocaría un referendo de independencia cando gobernase.

Plaid Cymru tamén fixou nese encontro outros compromisos a cumprir se gobernar algún día neste país: estabelecería un operador aéreo con conexións directas coas Américas e Europa continental, crearía unha rede nacional de enerxía, poría en andamento unha compañía nacional de vivenda e proporcionaría educación universitaria gratuíta para os estudantes galeses.

Un referendo sobre o futuro constitucional de Gales sería realizado ao final do segundo mandato dun goberno de Plaid, afirmou o líder da formación independentista, Leanne Wood, que anunciou que "preguntará a esta próxima xeración onde queren que estea Gales a mediados de século, e incluirase a independencia como unha opción realista".