CATALUNYA

Nacionalistas de Escocia e Gales piden unha condena da UE ao Estado español

Nacionalistas de Escocia e Gales piden unha condena da UE ao Estado español
O Palacio de Westminster, en Londres
O Palacio de Westminster, en Londres  

Representantes do SNP e do Plaid Cymru no Parlamento británico presentan unha moción na Cámara dos Comúns solicitando a aplicación do artigo 7 do Tratado da Unión, que implica a suspensión de certos dereitos a un Estado membro, a raíz da sentenza do Supremo no 'procès'.


Deputadas e deputados dos partidos nacionalistas escocés, SNP, e galés, Plaid Cymru, con representación na Cámara dos Comúns de Westminster (a Cámara baixa do Parlamento británico) presentaron esta cuarta feira, 16 de outubro, unha moción contra o Estado español a raíz da sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do procès.

A moción, denominada Early Day Motion (EDM), raramente é debatida na Cámara aínda que serve para poñer o foco sobre algún tema en concreto. Os representantes nacionalistas consideran que o Estado español cometeu unha “seria e persistente violación” dos principios fundacionais da UE no seu manexo do conflito catalán.

A moción sinala: “Que esta Cámara apele ao Goberno a presionar as institucións relevantes na UE para que considere iniciar un procedemento baixo o artigo 7 do Tratado da Unión Europea en resposta ás accións do Estado español en relación á crise catalá, que inclúen o procesamento e sentenza de líderes políticos e da sociedade civil catalá, sobre a base de que hai un claro risco de que España cometera unha seria e persistente violación dos principios fundacionais da UE de respecto pola liberdade, a democracia, a xustiza e os dereitos humanos descritos no artigo 2 do Tratado da Unión Europea”.