Negociación en punto morto: “Viñeron cun programa electoral”, di Podemos

Negociación en punto morto: “Viñeron cun programa electoral”, di Podemos
Ione Belarra, portavoz de Unidas Podemos.
Ione Belarra, portavoz de Unidas Podemos.  
Máis de catro horas de negociación que non serviron para avanzar moito nun acordo entre o PSOE e Unidas Podemos para a investidura de Pedro Sánchez segundo as primeiras declaracións dos protagonistas do encontro. Os equipos negociadores quedaron en volver a encontrarse, pero a impresión xeral é que o PSOE se basea nas 370 medidas que presentaron esta semana e Unidos Podemos quere forzar a opción dun goberno en coalición.

“Estamos preocupados”, manifestou Ione Belarra, a portavoz de UP, aos xornalistas, “viñeron presentarnos un programa electoral e foron inmóbiles coas posicións nas que xa estaban ocupados". 

Era a primeira que celebran desde a investidura fracasada en xullo, e os equipos negociadores encabezados por Carmen Calvo e Pablo Echenique que se citaron pola tarde no Congreso chegaron con posicións moi afastadas: os socialistas non queren a Podemos no Consello de Ministros, como reiterou Pedro Sánchez no acto da terza feira; e os de Pablo Iglesias insisten en ter carteiras ministeriais como garantía de que poderán ser relevantes nas políticas que se leven adiante.

Nos medios estatais se especula en que o problema xa non é unha cuestión de tempo –a investidura pódese acordar en calquera momento das próximas dúas semanas-, senón a vontade política. Algúns dirixentes socialistas, como o catalán Miquel Iceta, advertiron xa que as eleccións son a saída máis probábel. 

“Construír un goberno significa falar de propostas e dos equipos que as levará a cabo. Non podes falar dun programa separado da estrutura do goberno, das súas responsabilidades e competencias”, deixou anotado esta quinta feira Pablo Iglesias.