Nos chíos polos que foi perguntado polo fiscal, Sànchez chamou a ter unha "actitude non violenta"

Nos chíos polos que foi perguntado polo fiscal, Sànchez chamou a ter unha "actitude non violenta"
Jordi Sànchez, durante o interrogatorio
Jordi Sànchez, durante o interrogatorio  

Boa parte da causa contra as 12 persoas acusadas no xuízo ao procés ciméntase na presunción de que a concentración de simpatizantes soberanistas o 20 de setembro de 2017 diante da sede da Consellaría de Economía no centro de Barcelona, mentres se estaba a producir un rexistro policial, foi un acto violento inducido polos líderes independentistas. Jordi Sànchez foi interpelado especificamente pola súa actividade en twitter daquela mañá. Os seus chíos eran unha chamada a unha mobilización pacífica.


O Ministerio Público continúa sen achegar probas que dean suporte xurídico ás súas acusacións —rebelión, sedición, malversación—contra os 12 reos. Esta quinta feira, na sexta sesión do xuízo, o fiscal interrogou o ex presidente da Assemblea Nacional Catalana, Jordi Sànchez, sobre os acontecimentos do 20 de setembro, cando miles de persoas foron convocadas para expresar o seu protesto perante unhas dependencias da Consellaría de Economía sitas no centro de Barcelona que estaban a ser obxecto dun rexistro policial.

"Unha decisión xudicial ten de ser respeitada, mais iso non a exime de ser obxecto de protesta. Por iso fixemos un apelo aos cidadáns de Catalunya a se mobilizaren", explicou Sànchez perante as perguntas do fiscal, quen se interesou polo número e polo contido dos chíos emitidos polo dirixente da entidade cívica soberanista aquela mañá.

En realidade, os chíos de Sànchez foron todo menos unha incitación á insurxencia.

 

"Equivocáronse moito. Nós queriamos votar. Eles declararon a guerra. Saíamos a defender as institucións pacificamente", escribiu Sànchez aquel dia de setembro.

Sànchez —aspirante falido por Junts per Catalunya á investidura da presidencia da Generalitat (o xuíz Pablo Llarena impediu a súa saída da cadea para defender a súa candidatura no pleno da cámara catalá—asumiu o discurso de Junqueras e Romeva de se definir como preso político: "Estou aquí por ter sido presidente da ANC".



x