Nova Gales do Sur despenaliza o aborto, que pasa ser legal en toda Australia

Nova Gales do Sur despenaliza o aborto, que pasa ser legal en toda Australia

O debate parlamentar prolongouse durante 70 horas.


O Parlamento do Estado de Nova Gales do Sur aprobou, após 70 horas de debate, unha lei para despenalizar a interrupción do embarazo, que estaba penada desde hai case 120 anos con 10 anos de cárcere. Deste xeito, o aborto pasa ser legal en toda Australia.

A maioría dos deputados e deputadas do cámara de Nova Gales do Sur votou a prol da despenalización, que tiña o rexeitamento frontal da dereita e de grupos relixiosos, así como do ex primeiro ministro Tony Abott. O arcebispo de Sidney dixo que esta nova lei era unha “derrota para a humanidade”.

A nova norma aprobada permite aliás a interrupción do embarazo até as 22 semanas de xestación e practicada por un médico colexiado. Se quere abortar a partir dese período, a muller deberá ter o consentemento de dúas facultativas.

Claire Mallinson, de Amnistía Internacional Australia, incidiu en que a despenalización pon a Nova Gales do Sur “na liña co recoñecemento dos dereitos das mulleres".

Esta semana, o Estado de Oaxaca converteuse na segunda entidade de México, 12 anos despois da capital, en despenalizar o aborto. O Estado, de case catro millóns de habitantes e situado no sur do país, permitirá a interrupción voluntaria do embarazo durante as 12 primeiras semanas de xestación.