Nova Zelandia avanza cara a unha regulación do acceso ás armas após o atentado islamófobo

Nova Zelandia avanza cara a unha regulación do acceso ás armas após o atentado islamófobo
Jacinda Ardern
Jacinda Ardern  

Avanzouno a primeira ministra, a laborista Jacinda Ardern. Tería en principio o apoio da formación conservadora NZ first (Nova Zelandia Primeiro) coa que goberna o país en coligación.


O primeiro sinal sobre unha lexislación restritiva no acceso ás armas deuno o fiscal David Parker, quen suxeriu a prohibición da venda ao público de rifles semi-automáticos xusto o día seguinte ao masacre que se saldou con 50 vítimas mortais.

Mais Ardern aínda non fixo un anuncio concreto. Limitouse a comunicar aos medios que se alcanzara un acordo no interior do gabinete —a pesar das reticencias de principio que NZ First abrigaba a respecto da regulación deste asunto—. Indicou tamén que o goberno tomaría medidas no prazo de dez días. "Tomaremos tempo para o facermos ben", dixo.

No pasado —2005, 2012 e 2017— fracasaron distintas iniciativa para tornar máis difícil a posesión de armas de fogo, mais o acordo entre laboristas e NZ First permite presaxiar que desta volta si será posíbel introducir unha lexislación máis restritiva.

O líder de NZ First, Winston Peters, declarou esta segunda feira que após o atentado de Christchurch  "o noso mundo mudou para sempre, así que tamén o terán que facer algunhas das nosas leis".