BOLIVIA APÓS O GOLPE

O novo Goberno boliviano anuncia unha “cazaría”

O novo Goberno boliviano anuncia unha “cazaría”
Arturo Murillo (cedida)
Arturo Murillo (cedida)  

"Empecen a correr" é a mensaxe que o máximo ministro de Bolivia, Arturo Murillo, lanzou aos ex membros do Goberno de Evo Morales.


Após consumarse o golpe contra o Goberno democrático do Estado plurinacional de Bolivia e tras producirse a autoproclamación da dereitista Jeanine Ánez como presidenta, Arturo Murillo asumiu a carteira do Ministerio do Goberno.

Este dirixente prometeu pouco despois de facerse co cargo que o Estado emprenderá unha «cazaría» contra o ex ministro de Presidencia Juan Ramón Quintana e contra Raúl García Linera, irmán do ex vicepresidente deposto, Álvaro García Linera, que se atopa no exilio debido ao golpe de Estado.

«Que empecen a correr, ímolos agarrar», asegurou en declaracións aos medios o novo ministro acto seguido de tomar posesión. Murillo acúsaos de alentar a rebelión nas rúas, en referencia ás mobilizacións populares de apoio a Evo que se produciron após este anunciar a súa demisión, forzado polo golpe de Estado cívico-policial-político alentado pola dereita boliviana e os EUA.

Jeanine Áñez autoproclamouse presidenta

Após Evo Morales e os cargos que lle seguían no poder teren dimitido por mor do golpe de Estado e coa intención de evitar que se desatase maior violencia, a vicepresidenta segunda do Senado, Jeanine Áñez, autroproclamouse presidenta interina de Bolivia ao considerar que ela continuaba a liña sucesoria.

Reivindican a socialista Salvatierra como presidenta

A presidenta do Senado, a socialista Adriana Salvatierra, tamén anunciou a súa demisión mais ao non ter sido tramitada nin aprobada polo Senado é a que segue na liña sucesoria de forma anterior a Áñez. Esta cuestión resta, se cabe, maior lexitimidade aínda a Áñez.

Porén, as forzas armadas evitaron o seu acceso ao Parlamento, golpeando aos militantes do MAS que a acompañaban cando se achegou para acudir á sesión plenaria, entre berros de «deixen pasar á presidenta do Estado plurinacional».

Cando Áñez asumiu hai dous días o poder, o Parlamento non contaba con quorum suficiente para aprobar a súa asunción, xa que as e os membros do MAS se ausentaron. Aínda así, Tribunal Constitucional avalou o seu autonomeamento.

Unha das primeiras accións do novo Goberno foi recoñecer Juan Guaidó

A Biblia volve ao Parlamento

Áñez, que chegou coa Biblia debaixo do brazo ao Parlamento para autonomearse e acompañada por uns dos instigadores do golpe, Luíz Fernando Camaño, agradeceu ao exército o papel que xogou, alegrouse de que o libro sagrado volvese á sede parlamentaria e anunciou que convocaría eleccións.

Unha das primeiras accións do novo Goberno foi precisamente recoñecer como presidente de Venezuela ao tamén autoproclamado Juan Guaidó.

Evo Morales, nunha entrevista concedida desde o seu exilio a 13 de novembro para o medio Telesur, indicou que o feito de os EUA e o Reino Unido seren os primeiros en recoñeceren a lexitimidade de Áñez desvélaos como instigadores do golpe.

Áñez prohibe a Evo apresentarse ás eleccións

A autoproclamada presidenta de Bolivia asegurou esta quinta 14 de novembro que nin Morales nin o vicepresidente García Linera poderán candidatarse ás eleccións que ela mesma anunciou que convocará. Afirmou que non estarán habilitados e emprazou o Movemento ao Socialismo a que «vaian buscando outro candidato».