STURGEON REUNIUSE EN BRUXELAS CON JUNKER E SCHULZ

Novos azos á independencia de Escocia após o Brexit

Novos azos á independencia de Escocia após o Brexit
Nicola Sturgeon e Martin Schulz [Imaxe Youtube]
Nicola Sturgeon e Martin Schulz [Imaxe Youtube]  

"Escocia gañou o dereito a ser escoitada", dixo o presidente da Comisión, Jean-Claude Junker, fronte á oposición de Rajoy e Hollande que ven o país fóra da Unión de se consumar o Brexit. 


Escocia quere ficar na UE, así o reflicten os resultados recompilados no referendo do 23 de xuño no que o 62% do electorado escocés votou por quedar no clube comunitario. Neste senso, mentres Bruxelas apura o Reino Unido para que invoque o artigo 50 do Tratado de Lisboa, a primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon reuniuse cos presidentes do Parlamento Europeo e da Comisión para testar o sentir comunitario a respeito dunha hipotética permanencia do país na Unión. 

"Escocia gañou o dereito a ser escoitada", dixo Jean-Claude Junker en declaracións aos medios de comunicación co gallo do encontro. Así as cousas, el e Martin Schulz (presidente da Eurocámara), aclararon que non visan inmiscuirse en asuntos internos do Reino Unido porén, o resultado do referendo dá novos azos á independencia. Así o recoñeceu a propia Sturgeon quen após a consulta popular coidou "altamente probábel" a convocatoria dun novo referendo de independencia. Aliás, transmitiu aos líderes comunitarios na súa visita a Bruxelas que Escocia está "completamente" decidida "a seguir na UE". 

Rajoy e Hollande, en contra

Malia o bon acollemento do europeísmo escocés en Bruxelas a primeira ministra Nicola Sturgeon tamén deu con voces contrarias á unha hipotética permanencia de Escocia na UE. As máis fortes a do presidente do goberno en funcións español, Mariano Rajoy, e a do mandatario francés, François Hollande que se opoñen de maneira taxativa. 

"Se o Reino Unido marcha, cando se vaia, Escocia vaise tamén"

"Falamos dun proceso que debe ser ordenado e tranquilo, dun país que quere separarse da UE", dixo Rajoy. "As competencias de Escocia para negociar iso son ningunha. O goberno español oponse e coincidimos con todo o mundo seguro, a que a negociación se faga con alguén distinto que o Reino Unido", acrecentou o xefe do executivo en funcións español. "Se o Reino Unido marcha, cando se vaia, Escocia vaise tamén". 

De igual maneira Hollande asegurou que "as negociacións manteranse co Reino Unido, non cunha parte do Reino Unido" descartando calquera eventual acordo para o mantemento de Escocia, cando menos antes de se iniciar o proceso de negociación para a saída británica da Unión e sen que se produza previamente a independencia escocesa.