O CIS de antes da investidura colocaba o PSOE por cima da suma Podemos-PP-Cs

O CIS de antes da investidura colocaba o PSOE por cima da suma Podemos-PP-Cs
José Félix Tezanos, director do CIS.
José Félix Tezanos, director do CIS.  
O oráculo de Tezanos aparece na súa última mostra, tomada antes da sesión de investidura, máis favorábel ao PSOE que nunca. Tanto que a formación de Sánchez superaría en intención directa de voto á suma dos sufraxios colleitados por Podemos, PP e Cs.

41,3%. Esa é a intención de voto (sobre o total de sufraxios emitidos) coa que o PSOE enfrentaba a sesión de investidura. Unha marca que coloca o partido liderado por Pedro Sánchez a unha distancia sideral dos seus competidores. A segunda praza sería para o PP, 13,7%, en tanto que Unidas Podemos desprazaría a Cs da terceira ao cuarta praza, ao obter 13,1% fronte ao 12,3% dunha escadra de Albert Rivera que cotiza á baixa.

O CIS debuxaría un tetrapartidismo cun partido alfa claramente dominante: 41,3% para o PSOE e 39,1% para a suma (politicamente inviábel) de PP, Cs e Podemos. A ultradereita de Vox confirma a súa tendencia descendente e tería de se conformar cunha intención directa de 4,6%.

Os datos sen dúbida reforzarán o discurso do sector que dentro do PSOE presiona Sánchez para este non se submeter a unha segunda sesión de investidura e ir consecuentemente a eleccións o 10N.

En todo caso, na propia contorna de Sánchez hai non poucas cautelas á hora de dar por bons os resultados dos inquéritos nestes momentos. Este, alén do máis, foi feito antes da sesión de investidura e por tanto non recolle os seus efeitos, non reparte as culpas entre PSOE e Podemos sobre a reponsabilidade do non acordo entre as dúas forzas da esquerda. Analistas de Ferraz temen que unha convocatoria o 10N provocada polo cisma entre Sánchez e Iglesias podería resultar na desmobilización das forzas progresistase e nun eventual triunfo das dereitas.

Canto ás forzas soberanistas, o CIS confirma o que outros estudos xa anticiparan. en Catalunya ERC gaña por goleada a liga no bloque independentista a JxCat (4,5% a 1,6%, respectivamente), en tanto que en Euskadi o PNV conseguiría 1,4%, tres décimas máis que EH Bildu.