O Consello Mundial da Paz considera unha 'hipocrisía' o premio Nobel concedido á UE

O Consello Mundial da Paz considera unha 'hipocrisía' o premio Nobel concedido á UE
Barack Obama e Durao Barroso
Barack Obama e Durao Barroso  SG
Nunha misiva elaborada após a xuntanza do Consello Mundial da Paz (CMP) os días 29 e 30 de outubro no Parlamento europeo, a presidenta do organismo Ilda Figueiredo, denunciou a concesión do premio Nobel á Unión Europea pois di, "a súa acción e propósitos distan moito dos valores e principios da Carta das Nacións Unidas".

Após conceder un dos galardóns internacionais de maior sona e prestixio á UE pola súa "contribución ao  mantemento da paz", diversas organizacións cuestionaron a decisión. Neste sentido, o Consello Mundial da Paz (CMP) vén de aprobrar un escrito en que considera unha "hipocrisía" a decisión e asegura que a organización internacional "ten promovido guerras contra as nacións soberanas desde a destrución da antiga Iugoslavia"; "agora", din "despois de Libia, fan o mesmo contra Siria e aínda ameazan a Irán", aseverou a presidenta do CMP, Ilda Figueiredo.

A crise económica no 'ADN' da UE

Aliás, as organizacións que toman parte do Consello, fixeron especial fincapé na xestión que as institucións comunitarias e os Estados membros están a facer da crise económica e financeira. Ilda Figueiredo salientou que é "a política de integración capitalista da UE" unha das principais causas da crise, asemade "dos gobernos e mariorías parlamentares" que "serven aos intereses dos grandes grupos económicos e financeiros". Segundo os membros do Consello, as políticas que está a practicar a UE "e os auténticos pactos de agresión impostos a Grecia, Portugal e Irlanda" --que agora pretenden aplicar ao Estado español e a Italia-- "están a intensificar as desigualdades o desemprego e a pobreza, poñendo en perigo a soberanía e independencia nacionais". Para os membros do CPM, isto constitúa tamén unha forte ameaza para a paz.

O CMP asegura que a UE ten sido 'algoz' dos traballadores e debería ser xulgada por 'crimes contra a humanidade' cometidos durante as súas intervencións militares


Segundo o texto elaborado polo Consello, as políticas e accións desenvolvidas pola UE "distan moito dos valores e principios estabelecidos na Carta das Nacións Unidas" e que, segundo os membros do Consello, "deben rexer as relacións entre os Estados" como o respecto á soberanía, a non inxerencia nos asuntos internos, a resolución pacífica dos conflitos ou o respecto polos dereitos humanos e as liberdades fundamentais. Neste senso, a UE tería vulnerado en numerosas ocasións os devanditos principios, mesmo nos obxectivos da súa propia creación, pois, os seus Estados membros tomaron parte en múltiples conflitos militares conxuntamente cos EUA --co apoio ou sen el das Nacións Unidas-- no Golfo pérsico, Oriente medio, Ásia central ou o norte de África. Asemade, participou na supresión de réximes políticos, e mesmo a degradación de Estados que perseguen vías de desenvolvemento autónomas. Aliás, o CMP salienta a intervención nos territorios e a represión da súa poboación "que aínda non puido acceder á soberanía dos seus Estados, ou tan sequera exercer a súa auto-determinación".