O fotoxornalista Gervasio Sánchez denuncia que 'El País' coñecía e ocultou as torturas do exército español en Iraq

O fotoxornalista Gervasio Sánchez denuncia que 'El País' coñecía e ocultou as torturas do exército español en Iraq
Rajoy co exército español [SG]
Rajoy co exército español [SG]  
No seu blogue describe como el propio informou ao diario de que o tradutor Flayeh al Mayali, que traballou durante meses para @s [email protected] de El País desprazadas a Bagdad, fora secuestrado e torturado. Porén, malia ter sido traballador seu, non publicou nin unha liña sobre este tema durante dez anos. Este domingo abriu a súa edición dixital cun video en que denuncia os malos tratos que nos cuarteis españois se infrinxiron a [email protected] iraquís


En marzo de 2004 prenderon en Diwaniya o cidadán iraquí Flayeh al Mayali e mantérono en paradoiro descoñecido durante once meses. Unha vez en liberdade, en febreiro de 2005, al Mayali denunciou torturas e acusou os seus interrogadores de o teren sometido "a un trato inhumano e degradante, con continuos golpes, insultos e ameazas de morte" namentres unha capucha cubría a súa cabeza durante tres días.

Sen ter el coñecemento do que neles se dicía, obrigárono a asinar uns documentos que o ex-ministro de Defensa, José Bono, empregou para desmentir as vexacións, malia teren acontecido estas no goberno anterior, de José María Aznar. Bono chamou á 'imprensa amiga', entre [email protected] o xornalista de El País Miguel González, para evitar que informasen de calquera cuestión relacionada coa ocupación estadounidense ou española do Iraq, alegando que desde que Zapatero decidira retirar as tropas había "tensión" con Washington.

Por que ten relevancia esta información... dez anos despois?

Este domingo, anos despois da invasión patrocinada por Estados Unidos e España na procura daquela cortina de fume que Bush e Aznar chamaron "armas de destrución masiva", o diario El País abría a súa edición dixital cun video que fixo ferver as redes sociais: soldados españois mallaban en dous presos iraquís até lles facer perder a consciencia.

A réplica a esta información deuna o fotoxornalista Gervasio Sánchez primeiro en chíos publicados na súa conta persoal de Twitter e despois nun post pendurado no seu blogue en que acusa o xornal de Prisa e, concretamente ao xornalista Miguel González, de seren coñecedores de que o exército español torturou cidadás e cidadáns durante os anos que durou a ocupación. Porén, non dixeron nada.

Sánchez sostén que o sabían porque llelo dixo el propio en reiteradas ocasións nas cales procurou a influencia do diario español e "os moi bos contactos" que tiña "co ministerio de Defensa e co CNI" para investigar a desaparición de Flayeh al Mayali quen, casualmente, traballou durante nove meses como tradutor [email protected] [email protected] de El País que pisaron Bagdad. Al Mayali foi acusado de "colaborador necesario" na emboscada en que morreron sete funcionarios do CNI (Centro español de intelixencia) en novembro de 2003.

O seu tradutor denunciou torturas e El País publicou "a versión dos militares"

Gervasio Sánchez di no seu blogue que se entrevistou co sobriño de Al Mayali, quen lle confesou que os seus interrogadores mallaran nel. Escribiu un artigo e enviouno a El País. "Non podemos publicalo sen a versión militar", foi a resposta que recibíu. Porén, días máis tarde, Sánchez tiña datos "que puñan en dúbida a versión oficial e botaban por terra a suposta investigación do CNI en Iraq" e de que "non tiñan ningunha proba" contra o tradutor iraquí.

Un ano despois da morte dos sete funcionarios, El País publicou unha reportaxe asinada por Miguel González en que só aparece a versión militar e do CNI. Nin unha liña sobre as torturas ás que estaría sometido Al Mayali e apuntando cara a "sumas de diñeiro de orixe incerta" que, na versión de Gervasio Sánchez e do propio tradutor, proviñan de contratos asinados co exército español dos cales González "tiña constancia" e que Sánchez fixo públicos nunha reportaxe publicada en xullo de 2007. Con todos estes datos, Gervasio Sánchez manifesta a súa "indignación" e critica a "axenda preconcebida" ao redor das repentinas denuncias emprendidas por El País sobre as torturas que o exército español tamén practicou, ao igual que o ianqui, en Iraq.