Obama acada un segundo mandato na presidencia dos EUA

Obama acada un segundo mandato na presidencia dos EUA
O actual Presidente e candidato demócrata resulta re-elixido tras se impor ao republicano Mitt Rommey nos comicios desta terza. As eleccións lexislativas, que se celebraron simultaneamente ás presidenciais, conclúen sen cambios. Os vindeiros catro anos seguirá a haber maioría republicana na Cámara de Representantes e maioría demócrata no Senado.

Barack Hussein Obama II continuará na Casa Branca catro anos máis. O ticket demócrata Obama-Biden vén de se impor ao republicano Mitt Rommey nuns comicios moi apretados e enfrontará o seu segundo mandato até 2016, tras o que abandonará a presidencia pola limitación de renovación de mandatos estabelecida nos EUA.

O apoio ao primeiro presidente afroamericano na historia daquel país atinxiu os 53 millóns de votos (apenas un millón máis que o seu rival), que se traducen en 303 votos electorais --a elección presidencial é indirecta-- despois de se facer coa vitoria en 25 dos 50 estados da unión. Rommey pola súa banda obtivo 206 votos electorais malia recoller máis de 52 millóns de votos.

O resultado decantáronno os ‘swing states’, así denominados por rexistrar maiores oscilacións de voto duns comicios a outros, como son o caso de Colorado, Iowa, New Hampshire, Ohio, Pensilvania, Virginia e Wisconsin. En troques, o Partido Republicano consolida a súa predominancia nos estados do Sur.

Renovación do senado e elección da Cámara de representantes

De xeito simultáneo nos comicios desta terza feira tamén se elixía un terzo do Senado, 33 membros, e se renovaban os 435 [email protected] que fan parte da Cámara de Representantes norteaméricana. Ambas as eleccións saldáronse sen apenas cambios. A Cámara de Representantes mantén unha maioría republicana e os demócratas fan o propio no Senado.

A cuirosidade destas eleccións é o regreso da familia Kennedy, un dos clans máis influíntes na historia recente dos EUA, á política. O neto do asasinado John F. Kennedy, Joe Kennedy III vén de ser elixido representante do Estado de Massachusetts na Cámara de Representantes.