Obama inicia unha guerra pola regulación das armas

Obama inicia unha guerra pola regulación das armas
Cadriño editorial The Columbine
Cadriño editorial The Columbine  SG
O presidente dos EUA aproveita a súa última lexislatura e o recordo da traxedia de Connecticut para presentar unha batería de propostas encamiñadas a restrinxir a posesión de armas.

"Over my dead body" (Por enriba do meu cadáver). Esa foi a frase máis repetida polo actor e presidente da NRA, Charlton Helston durante o seu mandato. Os asasinatos en centros de secundaria como os de Columbine ou Virginia facían que numerosos grupos de persoas exixisen mudanzas na lexislación a fin de evitar máis masacres cuxas principais vítimas fron acotío crianzas. Porén, o arraigo co que a sociedade estadounidense acepta e lexitima a posesión de armas --recollida como dereito fundamental pola segunda emenda da Constitución-- explica a inacción das sucesivas administracións en materia de regulación armamentística.
"Quen é que defende os nosos fillos? A policía? O Goberno? Non. Compétenos a nós defendermos aos nosos. Se non o fas estás fallando aos teus deberes". Quen así falaba era un dos integrantes das coñecidas como Milicias de Michigan. A súa testemuña en pleno campo de tiro era recollida no documentario producido polo director Michael Moore en Bowling for Columbine. A produción audiovisual, daba conta á altura de 2002 da concepción que a sociedade norteamericana posúe das armas. Unha realidade que no ano 2011 rachou coa vida de tres persoas cada hora.

Milicias de Michigan: "Compétenos a nós defendermos aos nosos. Se non o fas estás fallando aos teus deberes"

Connecticut e a última lexislatura Obama
Así as cousas, o acontecido en Connecticut e a imposibilidade legal de que Obama sexa re-eleito crearon unha coxuntura política favorábel á aprobación dun plan de regulación que restrinxa a compra-venda e posesión de armas nos EUA. No entanto, após a proposta presentada esta semana polo presidente dos Estados Unidos, o Congreso acolleu con reticencias as iniciativas presidencias malia constituíren decretos de execución.

"Temos a obriga de actuar agora", afirmou Obama no acto de presentación pública dos 23 decretos asinados en aras dun endurecemento lexislativo en materia armamentística. Rodeado de crianzas que segundo fontes gobernamentais, enviaran sendas cartas ao presidente dos EUA para que puxese fin ás masacres escolares, Obama puña a primeira pedra cara ao que será unha longa batalla lexislativa. Asi as cousas, a imaxe lembra inevitabelmente á sinatura do feche de Guantánamo, aínda por executar.

Barack Obama: "Temos a obriga de actuar agora"

Neste senso, nin o Congreso --de maioría republicana-- nin a Asociación Americana do Rifle (NRA) porán as cousas doadas ao presidente. O poder conseguido pola NRA ao longo dos últimos anos, proxectado de maneira directa no apoio económico que empresta a múltiples senadores/as e congresistas, iniciará unha dura ofensiva contra as veleidades pacifistas de Obama.

O seu plan, bate directamente contra unha das empresas máis lucrativas dos EUA pois solicita ao Congreso a prohibición de venda das armas de asalto, a limitación a 10 balas dos cargadores e a orbiga de certificar da identidade e antecedentes penais daquelas persoas que queiran mercar unha arma de fogo. Todo isto, nun país cuxas entidades financeiras agasallan rifles cando unha persoa se encamiña a abrir unha conta bancaria.