Os bispos españois mandan mensaxe ao soberanismo: “Non é moral actuar contra a Constitución”

Os bispos españois mandan mensaxe ao soberanismo: “Non é moral actuar contra a Constitución”

O secretario xeral e portavoz da Conferencia Episcopal Española carga contra o medio cento de entidades catalás de cristiás de base que apoian o dereito a decidir. Martínez Camino dí que para os bispos “a unidade de España é un ben a tratar con responsabilidade moral”.


A Constitución española de 1978 é sagrada. E para os bispos españois a frase non é unha metáfora. Para a xerarquía católica semella que, tras a Biblia, a Constitución española é o libro que máis adoran (e tampouco é unha metáfora). Martínez Camino, secretario xeral da Conferencia Episcopal, vén de saír ao paso dos apoios que desde diferentes colectivos e entidades cristiás de Catalunya se estaba dando ao proceso soberanista.

Camino afirma que “a unidade de España é un ben” para a igrexa católica española e que “non é moral actuar contra a Constitución”. Declaracións feitas nunha entrevista en TVE e que recolle o xornal ABC.

No proceso soberanista catalán estarían en xogo “o ben común a convivencia e a paz” do Estado español, segundo o dirixente da Conferencia.

Outra volta máis, a España 'antes roja que rota' de Calvos Sotelo, mais desta vez con mitra incluída. As declaracións do portavoz da Conferencia Episcopal acusan aos nacionalistas de “quebrantar a convivencia” e iso “non é aceptábel”.

Se ben recoñece que a Igrexa española “en principio, considera lexítimo” ter ideas nacionalistas, estas, “desde un punto de vista moral” non serían morais por querer rachar “coa convivencia dos españois”.


 



x