ORIENTE PRÓXIMO

Unha ocupación con custes económicos

Unha ocupación con custes económicos
Parte do muro que divide a cidade de Hebrón [Europa Press]
Parte do muro que divide a cidade de Hebrón [Europa Press]  
Os acordos asinados en 1994 entre a OLP e Israel sinalaban que este último recadaría os impostos en Gaza e Cisxordania en representación da Autoridade Palestina. Segundo un informe da UNCTAD, a retención deses cartos por parte de Tel Aviv minguou notabelmente a capacidade de gasto público da ANP e o progreso de Palestina, que deixou de ingresar arredor de 47.700 millóns de dólares entre 2000 e 2017

A retención de impostos por parte de Israel nos territorios ocupados de Palestina está a frear o crecemento da economía palestina e a empeorar, aínda máis, as condicións socioeconómicas da súa poboación. Esta é a conclusión dun informe elaborado pola Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD) que acaba de ser presentado na Asemblea Xeral da ONU.

Segundo este estudo, Custo económico da ocupación israelí para o pobo palestino: aspectos fiscais, Palestina deixou de ingresar arredor de 47.700 millóns de dólares no período que comprende entre 2000 e 2017, unha cantidade que multiplica por tres o tamaño da economía palestina durante ese último ano contabilizado. Ademais, o total de intereses acumulados ascende a 28.200 millóns de dólares.

Diñeiro do wahhabismo

A perda de ingresos diminuíu notabelmente a capacidade da Autoridade Nacional Palestina (ANP) para financiar os distintos proxectos de mellora social e económica. Unha situación que, por outra banda, fai que a ANP busque fondos doutro modo

Por exemplo, dentro da súa estratexia en política exterior, Arabia Saudí doa unha elevada cantidade de diñeiro anualmente á ANP, alén de financiar a construción de mesquitas onde se fai proselitismo do wahhabismo, o movemento ultraconservador e extremista do islamismo sunita, predominante na maior parte da península arábiga.

“A crise fiscal en Palestina e moi profunda e moi perigosa”, sinalou aos medios de comunicación Mutasim Elagraa, economista da UNCTAD encargado de presentar o proxecto na Asemblea Xeral da ONU. Segundo declarou tomando datos do informe, esta crise fiscal “débese exclusivamente ás condicións creadas pola ocupación e, de continuar, a propia existencia da ANP está en risco”.

rabin-arafat

“Este custe fiscal acumulado estimado da ocupación por parte de Israel non só eliminaría o déficit orzamentario palestino, estimado en 17.700 millóns de dólares durante o mesmo período (2000-2017). Tamén xeraría un superávit case o dobre do déficit”, apuntou Elagraa. 

Isto suporía que a Autoridade Nacional Palestina podería, ademais, ter aumentado en máis de dez veces o seu gasto público, uns 4.500 millóns de dólares.

Acordos de Gaza-Xericó

Ao abeiro do acordo que asinaron en 1994 Iaser Arafat, presidente da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), e Isaac Rabin, primeiro ministro de Israel (Acordos de Gaza-Xericó), estipulouse que o Estado israelí recadaría os impostos en representación da ANP, nomeadamente os xerados das importacións indirectas de terceiros países. Porén, co paso dos anos, a Administración israelí comezou a reter eses fondos, ás veces, segundo o informe da UNCTAD, “por longos períodos de tempo”.

“Baixo a ocupación, a autosuficiencia económica de Palestina é imposíbel”, reflexionou Mutasim Elagraa.

Flotilla da liberdade

A Fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI) remitiu esta semana un escrito ao tribunal no que reiterou a súa decisión de non abrir unha investigación polo ataque de Israel á flotilla de Gaza, coñecida como flotilla da liberdade, en maio de 2010.

“Non existe unha base razoábel para concluír que calquera caso potencial que xurda sería da gravidade suficiente para ser admisíbel ante o tribunal", sinalou no escrito a fiscal xeral, Fatou Bensouda.

flotilla

O pasado setembro, unha sala de apelación da CPI ratificou, por decisión maioritaria de tres votos contra dous, un chamamento feito anteriormente por outra sala de cuestións preliminares no que se instaba a Fiscalía a abrir a investigación.

En maio de 2010, no medio dun bloqueo naval, comandos militares israelís abordaron o Mavi Marmara, un dos barcos da flotilla da liberdade que navegaba cara a Gaza con axuda humanitaria. Na operación morreron oito activistas turcos e un outro turco-estadounidense.