A ONU condena o Estado español por neglixencia nun caso de feminicidio


A ONU condena o Estado español por neglixencia nun caso de feminicidio

Ángela González acudiu ás institucións internacionais após a súa filla ser asasinada polo seu ex-compañeiro. Aconteceu en 2003 mais o caso remóntase a finais dos anos '90. González padecera malos tratos por parte do que fora o seu marido.

Ao asasino fóralle concedida a custodia compartida sen vixianza embora ser un maltratador

Porén, malia a trintena de denuncias presentadas a xustiza española concedeulle a custodia compartida e sen vixianza ao seu agresor. Nunha das visitas, o agresor asasinou a crianza de ambos. 

Após 11 anos entre instancias xudiciais e logo de acudir ás Nacións Unidas, un tribunal internacional dá a razón a Ángela González e condena o Estado por un delito de neglixencia. 

Segundo a sentenza o Reino de España terá que indemnizar á demandante mais tamén revisar o seu caso para detectar os erros cometidos. Aliás, terá seis meses para comunicar as medidas que o estado adoptará para que sexan tidos en conta os antecedentes de violencia machista na concesión de custodias. 

A ONU denuncia que na xudicatura española persisten estereotipos de xénero

Neste senso, as Nacións Unidas obrigan o sistema xudicial español a recibir formación obrigatoria sobre estereotipos de xénero após detectar que continúan a persistir entre xuíces, fiscais, traballadores sociais e outro persoal vencellado á xudicatura, costumes e prácticas que constitúen unha discriminación contra as mulleres. 

Este feito, segundo o Comité para a eliminación de todas as formas de discriminación contra as mulleres, conleva o mantemento de estereotipos e prexuízos de xénero que reverten na desprotección das mulleres en situación de violencia e das súas crianzas. 

E é que, embora Ángela González ter denunciado os malos tratos durante e despois de se rematar a relación a xustiza española concedeulle ao maltratador a custodia compartida sen vixianza. Feito que foi aproveitado polo home para asasinar á filla de ambos en 2003.