Un órgano da ONU pide a liberdade dos Jordis e de Junqueras

Un órgano da ONU pide a liberdade dos Jordis e de Junqueras
Junqueras, durante a súa declaración como acusado na Sala Penal do Tribunal Supremo
Junqueras, durante a súa declaración como acusado na Sala Penal do Tribunal Supremo  

O Grupo de Traballo sobre a Detención Arbitraria das Nacións Unidas reclama que se indemnice o líder de ERC, Oriol Junqueras; o presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart; e o ex presidente da ANC, Jordi Sànchez, por teren sido privados de liberdade cando aínda non recaíu sobre eles ningunha sentenza —son presos preventivos— e non teñen responsabilidades executivas.


Este órgano de Nacións Unidas actúa sobre este asunto a instancias do avogado británico e experto en dereito internacional e dereitos humanos Ben Emmerson, quen defende os intereses de Junqueras, Cuixart e Sànchez.

Emmerson instou o Grupo de Traballo sobre a Detención Arbitraria a que confirmase se a prisión preventiva vulneraba ou non a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Segundo fontes consultadas por El País e Nació Digital, a resolución deste órgano, que se fará pública ao longo desta cuarta feira, vai ser favorábel aos presos políticos e moi dura co estado español.

Os ditames deste grupo non son vinculantes, mais si teñen un indubidábel peso político á hora de avaliar o cumprimento da lexislación internacional en materia de dereitos humanos por parte dos estados.