OTAN e Kiev acusan a Rusia de invadir militarmente Ucraína

OTAN e Kiev acusan a Rusia de invadir militarmente Ucraína
crimea
crimea  

Moscova afirma que non ten nese país nin militares nin material bélico. As milicias rebeldes conquistan Novoazovsk e obrigan a se retirar ás forzas de Kiev de varios puntos estratéxicos. 


O goberno de KIev acusou a Rusia de estar a invadir o sueste de Ucraína en apoio das milicias rebeldes, que tomaron xa unha cidade portuaria xunto o Mar de Azov, informa Público.Pt.

O presidente Petro Poroshenko cancelou unha viaxe a Turquía, afirmando nunha mensaxe transmitida por televisión que "está en curso unha invasión de forzas rusas". O Consello de Seguridade e Defensa ucraíno recoñeceu que a cidade de Novoazovsk (a 20km da fronteira rusa), está baixo o control das autodenominadas ‘milicias populares’, afirmando que contaron co apoio de tropas e tanques rusos. Desde Moscova negaron con firmeza esas acusacións: “Non hai nin militares nin material bélico ruso en Ucraína”, declarou o representante ruso ante a OSCE. O representante permanente de Rusia ante a ONU, Vladimir Chizhov, engadiu que “a vaga de acusacións infundadas de Kiev contra Rusia débese ao fracaso das súas operacións”.

Konstiantyn Elisseiev, embaixador ucraíno na Unión Europea, solicitou "unha axuda militar de urxencia de envergadura" á UE para facer fronte á "invasión rusa". E Lituania pediu xa a realización dunha reunión de urxencia do Consello de Seguridade das Nacións Unidas debido "á invasión militar evidente en Ucraína". Maja Kocijancic, portavoz do servizo diplomático da UE, dixo en rolda de prensa que a UE está "moi preocupada cos últimos desenvolvementos".

O embaixador de Estados Unidos en Kiev tiña xa denunciado a implicación directo nos combates de tropas e equipamento militar de Moscova. Dixo o embaixador, Geoffrey Pyatt, nun post en Twitter: "A Rusia deu tanques, vehículos blindados, artillería e lanzadores de rockets, que foron insuficientes para derrotar as forzas armadas ucraínas. Polo tanto, agora hai cada vez máis militares rusos a intervir directamente en territorio ucraíno ". Ademais, acusou Moscova de enviar "os recentes sistemas de defensa anti-aérea, incluíndo o SA-22 ao leste de Ucraína". Neste momento, declarou, a Rusia "está directamente implicada nos combates."

Voluntarios de diferentes países

O líder político da República Popular de Donetsk, Alexander Zakharchenko, recoñeceu que por volta de "3.000 voluntarios rusos uníronse aos combatentes anti-Goberno de Kiev no leste de Ucraína", mais engadindo que non eran membros do exército ruso, senón simples cidadáns rusos que se alistaron voluntarios. "Tamén os hai tamén serbios, franceses, turcos, até un italiano con autorización de residencia en Ucraína."

Zakharchenko explicou que o obxectivo é loitar até chegar á gran cidade portuaria de Mariupol, máis a occidente. "Se tomamos Mariupol, a segunda maior cidade da rexión de Donetsk, iso vainos permitir ampliar as nosas unidades con máis de 5.000 ou 7.000 persoas", afirmou Zakharchenko. Esta cidade foi usada como base na rexión de Donetsk polas autoridades de Kiev, despois de seren expulsadas da cidade de Donetsk polos separatistas.

Reviravoltas

Esta quinta feira, os rebeldes tomaron tamén un outeiro ao Leste de Donetsk, Savur-Mohyla, un punto estratéxico que permite o control dunha gran porción de territorio, di axencia Reuters.