David Fernàndez, deputado da CUP: "Se o pobo catalán non ten xustiza o goberno non terá paz"

David Fernàndez, deputado da CUP: "Se o pobo catalán non ten xustiza o goberno non terá paz"
David Fernàndez, CUP
David Fernàndez, CUP  SG
A CUP entrou no Parlamento catalán. Entre @s tres [email protected] [email protected] está o xornalista David Fernàndez. Nesta institución seguirán a defender uns Països Catalans (PPCC) independentes, socialistas, sostíbeis no ecolóxico, equilibrados no territorio e non patriarcais. O ascenso desta formación, hai ano e medio tiveron 100.000 votos, 100 [email protected] e catro alcaldías, débese ao asamblearismo e o traballo na rúa


Como xornalista, que opina do trato que lle dá a prensa a CUP?

Até o 25-N desde o silencio e o descoñecemento. A realidade das loitas populares e dos movementos sociais custa que aparezan na prensa propiedade de empresas privadas. Na campaña, co traballo na rúa, tivemos algún espazo. Agora, despois das eleccións, hai un certo “efecto simpático” por estar no Parlament.

De traballar nos concellos a estar no Parlament. Cal é o segredo?

Diría que o segredo é que non hai segredos. O proxecto da CUP continúa a ser hoxe mesmo, despois de pasar unhas eleccións, a construción duns Països Catalans desde os municipios, desde os barrios, desde as comarcas... Ir ao Parlament foi unha decisión colectiva tomada nun tempo récord, dous meses, pola tripla crise que vive o noso pobo: a crise nacional, a profunda crise socioeconómica e a crise democrática.

No libro Cop de CUP que acaba de presentar fala do proceso que levou a que a CUP sexa o que é hoxe. Como di a letra do grupo catalán Manel, foi moi difícil chegar até aquí?

A CUP non estaría aquí sen o esforzo de miles de persoas anónimas que en tempos peores, en tempos de silencio comprometéronse pola liberdade política e a xustiza social nos PPCC. O proxecto político da CUP xorde baixo a ditadura, en 1968, cando se configura o independentismo moderno nos PPCC. Segue en 1978, cando todo o mundo cre na fábula da transición, e en 1977 a esquerda independentista convoca e levanta acta da fraude e das hipotecas que ten a transición, da impunidade que representa respecto aos crimes do réxime franquista e da continuidade nos poderes reais, alén daquel tránsito que nos venderon como modélico e que hoxe todo o mundo di que rematou.

Son miles as persoas que en catro décadas mantiveron en pé os soños e en tempos máis difíciles. Agora estes 126.000 votos que acadamos son o esforzo dun exército de soñadores, militantes ou non da CUP, eu mesmo son independente, que fixemos unha mobilización extraordinaria, outra campaña a pé de rúa, porta a porta, boca a orella, barrio a barrio, en máis de 500 actos, con moitas charlas para explicar cal era o proxecto de ruptura democrática que ten a CUP.

A CUP fala de “esquerda institucional” e a outra esquerda... Cal é o debate?

Sobre o taboleiro catalán hai debate. Se a CUP decidiu presentarse é porque consideraba que as clases populares non estaban representadas no Parlament polas outras esquerdas. Nós temos memoria de elefante non de peixe. Neste país gobernaron oito anos as esquerdas e son os que comezaron os recortes. Este é o noso ciclo político, vimos dunha derrota profunda das esquerdas e estamos nun proceso de reconstrución que supere aquel vello dito latinoamericano que dicía que "o poder é como un violín que se colle coa esquerda e se toca coa dereita". A CUP parte dun proxecto de democracia radical. Diferenciámonos no “que”, somos anticapitalistas, e no “como”, a través dun sistema asembleario.

Tentamos parar os recortes e poñermos a semente doutra economía. Se eles teñen Mercadona, nós temos cooperativismo de consumo que salva o noso rural, se eles teñen bancos, nós temos sistemas financeiros solidarios. A mellor noticia non é que o sistema non funcione, senón que xa estamos a construír outro.

Cales son as prioridades da CUP para esta lexislatura no Parlament?

Nós pensamos que a democracia comeza na rúa, non no Parlament. Para nós o eixo central da vida política deste país continúa a ser a rúa. Nas crises que temos o mellor que lle pasou a este país foi a resposta na rúa. Na Diada, nas tres folgas xerais, nas críticas ao modelo de roubo e de acumulación polas quitas a que someten as clases populares. Aquí estamos rescatando bancos e economías privadas e estamos convertendo débeda privada en débeda pública.

Ao Parlament imos levar a voz dos sen voz, falar do país real, denunciar, tentar parar e construír, denunciar a negación do dereito á autodeterminación, no ámbito da peor crise social e económica desde o final da ditadura, con recortes nunca coñecidos en democracia. En Catalunya hai un 30% da poboación ás portas da exclusión social, nun "corralito" real. No ámbito democrático esta semana anunciáronse máis recortes, unha fraude democrática, posto que CiU faino 48 horas despois das eleccións. Dixémolo na campaña: farémoslle a vida imposíbel mentres eles nola fagan a nós cada día.

Artur Mas quere formar un goberno estábel. Que lle recomendaría?

Que se desmarque dos mercados que son os que deron inestabilidade social, política, económica ao noso pobo. Recomendaríalle que en vez de mirar Massachusets ou Baviera, mirase máis Islandia. Se o pobo catalán non ten xustiza o goberno non terá paz. Se quere estabilidade que entenda que o soberanismo xirou á esquerda

Falando da consulta, cando propón a CUP que se celebre?

Canto antes e que sexa vinculante. Que ao día seguinte haxa feitos políticos concretos, con novas institucións políticas comúns que nos permitan gobernar e loitar contra a crise. Se non hai consulta será a fraude electoral máis grande da nosa democracia.