O Partido Laborista frea o Brexit Party nun distrito situado nunha zona claramente anti-UE

O Partido Laborista frea o Brexit Party nun distrito situado nunha zona claramente anti-UE
Lisa Forbes con Jeremy Corbyn [@lisaforbes_]
Lisa Forbes con Jeremy Corbyn [@lisaforbes_]  

Por apenas 600 votos de diferenza o Labour Party retivo o seu escano en Peterborough nunha elección desencadeada polo xuízo á súa anterior titular, Fiona Onasanya, condenada a tres meses de prisión por ter mentido á policía en relación cunha denuncia de tráfico por exceso de velocidade. A política laborista, eleita en 2017, perdeu a súa condición de membro do Parlamento nun proceso de revogación suscrito por 27,6% do electorado que a elixiu. Tamén foi expulsada do partido liderado por Corbyn.


No Reino Unido os distritos electorais poden ficar vacantes se se produce a remoción ou demisión dos seus titulares. Isto aconteceu en Peterborough, territorio de maioría laborista en 2017.O proceso electoral púxose en marcha ao ter sido revogada do seu cargo Fiona Onasanya —a laborista quixo manter o escano en Westminster como independente, mais acabou por ser expulsada tamén do Parlamento ao demandalo así 27,6% do censo. Destarte, as 70 mil electoras deste distrito voltaron a ser chamadas ás urnas. E o triunfo voltou a ser para o Labour.

O resultado foi, en todo caso, moi axustado: 30,9% para a candidata socialista Lisa Forbes fronte á 28,9% do cartaz do Brexit Party Mike Green. O Labour cedeu 17,2 puntos en relación a 2017, mais a súa vitoria ten un especial significado porque se produce nun distrito abrumadoramente partidario do Brexit: no referendo de 2016, 62,1% das electoras votaron a prol da saída da Unión Europea. Este dato, sumado ás desercións laboristas producidas pola caída de Fiona Onasanya, confería certo favoritismo ao Brexit Party, a recente escisión do dereitista e xenófobo UKIP. En realidade, Forbes alicerzou a súa vitoria na división do campo conservador, co candidato tory Paul Bristow a obter 21,4% dos sufraxios (unha hecatombe tendo en conta que nas eleccións anteriores o Conservative Party alcanzara 46,9%).

Por súa parte, os Lib Dem, o partido remainer [favorábel á continuidade na UE] por excelencia, conseguiron un avance significativo, ao totalizar 12,3% dos apoios, 8,9 puntos máis que en 2017, presumibelmente votantes laboristas descontentos coa ambigüidade de Corbyn sobre a cuestión monotema da política británica.