Cinco persoas mortas na aterraxe forzosa en Ucraína dun avión procedente de Vigo

Cinco persoas mortas na aterraxe forzosa en Ucraína dun avión procedente de Vigo
Avión accidentado en Lviv (Ucrania)
Foto: @jacdecnew
Avión accidentado en Lviv (Ucrania) Foto: @jacdecnew  

Na nave, un Antonov AN-12, viaxaban oito persoas.


Cinco persoas mortas na aterraxe forzosa que tivo que realizar en Lviv, cidade ucraína, un Antonov AN-12 procedente do aeroporto de Peinador (Vigo), segundo informou o Servizo estatal de Emerxencias de Ucraína.

Na aeronave viaxaban 8 persoas, das cales 7 son membros da tripulación. O avión pertence á compañía Ukraine Air Alliance e cubría a ruta aérea entre Vigo e Lviv mais non chegou a esta última cidade por falla de combustíbel. Iso obrigou a este avión a aterrar de emerxencia a quilómetro e medio do aeroporto.

Fontes de AENA informaron de que a aeronave de carga despegou do aeroporto galego de Vigo ás 00,14 horas desta sexta feira, segundo recolle Europa Press. Nun primeiro momento, o ministro ucraíno asegurara que o sinistro se saldou con tres vítimas mortais, tres feridos e dous desaparecidos, mais posteriormente modificou o balance do sinistro aéreo para confirmar que hai cinco mortos, sen dar máis detalles sobre o resto de persoas.