Podemos-Uruguai ve na política de inmigración de Madrid "un certo racismo paleto, moi galego"


Podemos-Uruguai ve na política de inmigración de Madrid "un certo racismo paleto, moi galego"

Jorge Castrillón é o portavoz de Podemos en Uruguai. Ataca a política de inmigración do Goberno Rajoy. Di dela que é "moi de dereitas" e produto "dun certo racismo moi paleto, moi galego".

Nunha entrevista co rotativo de Montevideo El País, publicada on line este domingo 8 de febreiro, Castrillón é interpelado a respeito das deportacións de cidadáns uruguaios ordenadas por Madrid e contesta que non se pode responsabilizar delas "á sociedade española", mais si ao seu goberno. 

Após afirmar que non pode ser que o Estado español sexa "hoxe o segundo estado que máis uruguaios deporta", Castrillón atribúe a política de inmigración de Madrid a un "certo racismo paleto, moi galego, institucional. Moi de dereitas. Baséase na incomprensión e no egoísmo do sistema político".

O voceiro de Podemos en Uruguai di que a súa formación demanda que o Tratado de Reciprocidade [co Estado español] asinado en 1870 teña "rango de lei" e enfatiza que están a pelexar por iso "na Unión Europea".