SMI

Portugal quere subir 6% o salario mínimo

Portugal quere subir 6% o salario mínimo
O salario mínimo nacional actual está en 600 euros (cedida)
O salario mínimo nacional actual está en 600 euros (cedida)  

O Goberno de Portugal anunciou o seu plan de aumentar 6% o salario mínimo nacional para 2020, co que quedaría en 635 euros mensuais en 14 pagas. O sindicalismo cualifica de insuficiente a suba e alerta de que as empresas están a xeneralizar os contratos remunerados co soldo mínimo.


A promesa do primeiro ministro portugués António Costa é aumentar o salario mínimo nacional até 25% durante a nova lexislatura que vén de iniciar, de forma que en 2023 se sitúe en 750 euros en 14 pagas mensuais. Polo de agora, desde esta cuarta feira 13 de novembro, o que hai enriba da mesa é unha proposta de aumentalo 6% para 2020, co que quedaría en 8.890 euros anuais (635 en 15 pagas mensuais).

A ministra portuguesa do Traballo, Solidariedade e Seguridade Social, Ana Mendes Godinho, comunicou esta cuarta ao Executivo a súa proposta de aumentar o soldo mínimo 6%.

A comunicación da ministra realizouse durante un encontro da Comisión Permanente de Concertación Social, un organismo que agrupa o Goberno portugués e os principais sindicatos e patronais do país.

O Executivo portugués subliñou que as subas do salario aprobadas en anos anteriores "non alcanzaron o ritmo de crecemento necesario para asegurar unha distribución equilibrada da renda", agregando que o país se mantén como un dos Estados membros da UE con maiores taxas de desigualdade con respecto aos ingresos.

O salario mínimo nacional actual está en 600 euros

Nos últimos catro anos, o salario mínimo aumentou de 505 euros a 530 euros en 2016; a 557 euros en 2017; e a 580 euros en 2018, chegando aos 600 euros en xaneiro do presente ano. A valorización real (descontando a inflación ) foi de 14%, e a nominal de case 19% nese período.

Para a CGTP a suba é insuficiente

Desde a maior central sindical portuguesa, a Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses — Intersindical Nacional (CGTP-IN), cualificaron de «insuficiente» este aumento de 35 euros do SMI para 2020, e alertaron do perigo dun acordo entre as entidades da patronal para estabelecer un teito para o aumento do salario.

Así, desde a CGTP-IN advertiron de que nos últimos anos houbo un grande crecemento do número de traballadoras e traballadores con salario mínimo, denunciando así que se está a producir unha tendencia nas empresas por aferrarse ao SMI á hora de contratar, querendo esquecer que poden facelo con remuneracións máis elevadas.