CATALUNYA

PP e Ciudadanos esixen invalidar a candidatura de Puigdemont

PP e Ciudadanos esixen invalidar a candidatura de Puigdemont
Puigdemont, desde Bruxelas
Puigdemont, desde Bruxelas  

A Xunta Electoral Central recibiu dous recursos onde PP e Ciudadanos esixen bloquear a candidatura ás eleccións europeas que encabeza Carles Puigdemont.


Un recurso do PP e outro de Ciudadanos veñen de ser entregados na Xunta Electoral Central co obxectivo de impedir presentarse ás eleccións europeas a Carles Puigdemont, ao ex conseller Toni Comín e á tamén ex consellera Clara Ponsatí, polo feito de estaren no exilio.

Desde o Partido Popular acusan no seu escrito a Puigdemont, Comin e Ponsatí de non reuniren os requisitos necesarios para optar á elección, xa que consideran que non están “no pleno exercicio dos seus dereitos” e segundo citan "fuxiron de España", en alusión ao seu exilio político, motivo polo que indican que non poden figurar no censo electoral de residentes ausentes.

Asegura o PP que se atopan en situación de "rebeldía procesual"

Asegura o PP que se atopan en situación de "rebeldía procesual" e que segundo a Lei orgánica do réxime electoral só son elixíbeis os españois maiores de idade que posúan a condición de electores e non incorran en ningunha causa de inelexibilidade.

Ciudadanos en cambio céntrase no seu recurso en que as tres persoas exiliadas están fóra do Estado español para "eludir o seu deber de colaborar coa Xustiza" o que, segundo indican, obrigaríalles a figurar no censo de residentes ausentes que viven no estranxeiro para poder votar, e engaden que as súas inscricións figuran no censo de residentes en España. Por tanto, con estes motivos, para o partido de Albert Rivera “non cumpriron co deber de inscribirse no estranxeiro”.

PP e Ciudadanos esixen a súa exclusión tamén do padrón municipal

Baixo estes argumentos, PP e Ciudadanos esixen á Xunta Electoral Central que exclúa a Puigdemont, Posantí e Comín como membros dunha candidatura e tamén do padrón municipal.

Desde Junts per Catalunya lembran que Puigdemont conta co dereito político intacto, como amosa o feito de que se puidera presentar ás pasadas eleccións ao Parlament do 21 de decembro, e esgrimen que se atopa “debidamente inscrito no censo electoral. "

Nese sentido, apuntan desde JxCat a que a nova tentativa de Cs e PP evidencia que Puigdemont poderá coller a súa acta de eurodeputado, polo que a dereita española quere impedir por todos os medios que o president no exilio poida concorrer ás urnas, salientan.