O PP emendará os orzamentos no Senado para evidenciar a ruptura do acordo co PNV

O PP emendará os orzamentos no Senado para evidenciar a ruptura do acordo co PNV
Rafael Hernando, nunha comparecencia informativa
Rafael Hernando, nunha comparecencia informativa  

Unha situación insólita: o PP emendará os seus propios orzamentos no Senado, as contas votadas en contra no seu momento polo PSOE mais coas que se comprometeu a gobernar Pedro Sánchez para conseguir o apoio de Sabin Etxea á censura. Unha lea sen precedentes.


O PP vai aproveitar a pasaxe dos orzamentos pola Cámara alta para emendar os orzamentos e introducir partidas que non colocaron no seu momento polo seu acordo co PNV. A formación conservadora consíderase liberada para o facer ao estimar que a formación nacionalista vasca rachou o pacto ao apoiar a moción de censura de Sánchez.

Así o anunciou esta segunda feira Rafael Hernando, o portavoz do PP no Congreso. O berroqueño parlamentar -referente da liña máis dura do partido- coidouse moito de esclarecer que o PP respeitará nas contas a suba das pensións acordada con Sabin Etxea.

Que efeitos prácticos ten esta manobra? Puramente dilatorios. O Senado non é unha cámara decisoria, as mudanzas que nela se operan teñen que ser validadas polo Congreso. Se a cámara baixa non o fai, os orzamentos ficarán aprobados tal e como saíron en primeira instancia do Congreso.

En todo caso, o cenario criado polo triunfo da moción de censura deita o paradoxo de ver o PP emendar os seus propios orzamentos e o PSOE a defender a literalidade das contas tal e como foron pactadas pola formación conservadora, o PNV e Ciudadanos.