ELECCIÓNS LEXISLATIVAS

O Presidente da República portuguesa reúnese cos partidos electos

O Presidente da República portuguesa reúnese cos partidos electos
Marcelo Rebelo de Sousa
Marcelo Rebelo de Sousa  

Marcelo Rebelo de Sousa podería propoñer xa nesta terza-feira António Costa como primeiro ministro. O Livre anunciou a súa intención de negociar medidas, mais non integrar unha coalición.


O Presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, estase a reunir durante a xornada desta terza-feira cos partidos electos nas pasadas eleccións lexislativas do domingo, 6 de outubro. A súa intención, segundo informan os medios portugueses, é propoñer o mais rápido posíbel António Costa como primeiro ministro.

Todo apunta a que a designación se producirá ao termo da maratón de audiencias, co que Costa ten previsto reunirse xa esta cuarta-feira cos partidos da esquerda e mais o PAN (Persoas Animais Natureza). O xornal Público adianta o horario: Livre (10h.), PAN (11.30h), Partido Ecoloxista Os Verdes (14h.) e Bloco de Esquerda (18h.). A hora da xuntanza co Partido Comunista Portugués (que se presentou ás eleccións en coalición con Os Verdes) aínda se descoñece, xa que o seu líder, Jerónimo de Sousa, estará presente na comisión permanente da Assembleia da República polo caso Tancos.

A primeira das formacións políticas en ser recibida por Rebelo de Sousa foi o Livre, o "verdadeiro partido de esquerda verde", tal e como se autodefinen, que conseguiu un escano o pasado domingo, 6 de outubro. A deputada Joacine Katar Moreira sinalou que o Livre está disposto para negociar co Goberno, mais non para participar nunha geringonça 2.0.

"Consideramos fundamental que haxa un entendemento entre os partidos que constituíron esta unión nos últimos catro anos. É necesario que haxa unha responsabilidade dos socios iniciais", sinalou Moreira á saída da reunión.