RECOÑECEMENTO

O primeiro ministro de Etiopía, Abiy Ahmed, Nobel da Paz polo seu esforzo na resolución do conflito con Eritrea

O primeiro ministro de Etiopía, Abiy Ahmed, Nobel da Paz polo seu esforzo na resolución do conflito con Eritrea
[Imaxe: Skilla1st - commons.wikimedia.org] Mapa do conflito entre Etiopía e Eritrea (1998)
[Imaxe: Skilla1st - commons.wikimedia.org] Mapa do conflito entre Etiopía e Eritrea (1998)  

A contenda entre etíopes e eritreas (1998-2000), cun acordo de paz definitivo en 2018, foi unha continuación dun loita anterior mal fechada: a longa guerra pola independencia das segundas (1961-1991).


O Comité Noruegués anunciou a concesión do premio Nobel da Paz o primeiro ministro de Etiopía, Abiy Ahmed, polos seus esforzos a prol da paz e da cooperación internacional e, "en particular, pola súa decisiva iniciativa para resolver o conflito fronteirizo coa veciña Eritrea". Etiopía é o segundo país máis poboado de África e a maior economía de África oriental.

Ambos os dous países combateron entre 1998 e 2000 nunha guerra que se cobrou máis de 70 mil vidas, mais a chegada de Ahmed ao poder en abril de 2018 supuxo tamén un punto de inflexión nas relacións bilaterais. Así, chegouse a un acordo de reconciliación que, por parte de Eritrea, foi ratificado polo seu presidente, Isaias Afwerki.

O Comité recoñeceu que "a paz non xorde das accións dunha soa parte" e aplaudiu o papel de Afwerki, mais quixo personalizar en Abiy o recoñecemento. O xurado lembrou tamén que o primeiro ministro etíope se implicou en procesos de mediación entre Eritrea e Xibutí e entre Quenia e Somalia, así como entre o Goberno e a oposición en Sudán.

Abiy iniciou a nivel interno "importantes reformas que levan a moitos cidadáns a esperanza dunha vida e dun futuro mellores". Nos seus primeiros cen días de Goberno, levantou o estado de urxencia, amnistiou miles de presos políticos, suavizou a censura, legalizou grupos opositores, afastou dirixentes sospeitosos de corrupción e aumentou "significativamente" a representatividade das mulleres nas esferas de poder.

A longa loita pola independencia de Eritrea

Eritrea foi colonizado por dous Estados europeos: primeiro, por Italia (1889-1941), e, despois, polo Reino Unido (1941-1952). En 1961, Etiopía anexionou o país logo de que a ONU o declarase unha rexión autónoma desa nación africana, o que deu inicio a unha contenda que se estendería durante 30 anos.

En 1991, a Fronte de Liberación dos Pobos de Eritrea triunfou nesa guerra pola súa independencia. Dous anos despois, o pobo eritreo votou a favor da independencia nun referendo apoiado pola ONU, co recoñecemento posterior da comunidade internacional. Na actualidade, Eitrea é membro de pleno dereito da Unión Africana e da ONU.