ARMAS

O profesorado poderá portar armas nas aulas de Florida

O profesorado poderá portar armas nas aulas de Florida
Profesorado de 40 dos 67 colexios cos que conta Florida xa se sumou ao “Programa Gardián”
Profesorado de 40 dos 67 colexios cos que conta Florida xa se sumou ao “Programa Gardián”  

Un proxecto de lei aprobado na Cámara de Representantes de Florida abre a porta a que o profesorado acuda con armas aos centros de ensino.


Profesorado de 40 dos 67 colexios cos que conta Florida xa se sumou ao “Programa Gardián” polo que poderá acudir armado aos centros de ensino. Até o momento as armas estiveron prohibidas dentro das aulas de Florida.

Após o proxecto de lei resultar aprobado no Senado do estado, este chegou á Cámara de Representantes de Florida onde recibiu 65 votos a favor, na súa maioría pertencentes ao sector republicano, e 47 votos en contra, correspondentes á maior parte das e dos demócratas. Agora será o gobernador do estado, Ron DeSantis, quen con toda seguridade promulgará a lei.

A proposición desta lei escúdase en “aumentar a seguranza nas aulas”

A proposición desta lei escúdase en “aumentar a seguranza nas aulas” e nace como resposta das e dos representantes republicanos ao tiroteo nun colexio de Parkland, Florida, o pasado 14 de febreiro de 2018, onde 17 persoas foron asasinadas.

Desde entón Donald Trump e a Asociación Nacional do Rifle teiman en que a figura do profesorado armado supón unha maior defensa do estudantado ante unha agresión masiva e aluden a que neste tipo de ataques imprevistos a policía non conta con tempo suficiente para actuar. Pola outra banda, a oposición a esta medida coincide en que a violencia armada non se soluciona con máis armas.

Coa aprobación desta lei, as administracións dos centros escolares terán que decidir e votar se nas aulas dos seus centros pode haber profesorado armado.

De resultar aprobado, o profesorado que porte armas terá que realizar 144 horas de adestramento e máis un exame, así como superar unha avaliación psicolóxica.

Os Estados Unidos contan con máis armas que habitantes, existindo en torno a un 37% dos fogares con mínimo un adulto que dispón dunha ou varias armas. O dereito a portalas está recollido na segunda emenda da constitución, mais as interpretacións son variadas, desde quen pensa que só é aplicábel a unha milicia organizada até quen defende que toda persoa pode portar armas.