A DEREITA PREPÁRASE PARA GOBERNAR ANDALUCÍA

Condenada ao fracaso a proposta do PSOE dunha frente constitucionalista para isolar Vox

Condenada ao fracaso a proposta do PSOE dunha frente constitucionalista para isolar Vox
Imaxe dun mítin de Vox durante a campaña
Imaxe dun mítin de Vox durante a campaña  

Un acordo de todos contra Vox, o último cartucho de Susana Díaz para se manter no palacio de San Telmo, non ten visos de viabilidade. A dereita suma e todo o discurso de PP, Cs e Vox durante a campaña foi despexar o PSOE do executivo autonómico. Esta segunda feira, Pedro Sánchez, que na noite do domingo ficou silente, defendeu tamén unha sorte de frentismo constitucionalista para deixar fóra dos gobernos Vox, un partido que impugna o estado das autonomías. 


O PSOE perderá o poder após 36 anos de goberno en Andalucía e vaino facer a mans dunha sorte de tripartito da dereita. A única dúbida está en saber como se vai expresar a alianza conservadora, ou ben por medio dun goberno de coligazón que inclúa Vox —a hipótese menos probábel— ou ben através de acordos parlamentares —a opción con máis visos de se vir a materializar.

En calquera caso, PP e Cs non suman maioría absoluta (reúnen 47, 8 menos dos escanos precisos), polo que imperiosamente calquera investidura dun candidato conservador requeriría o voto afirmativo dos 12 escanos de Vox, un partido que defende a restitución ao estado das competencias autonómicas en educación e sanidade e o fechamento de Canal Sur, a televisión pública andaluza.

A estratexia do PSOE após se envorcaren os primeiros resultados do escrutinio na páxina oficial das eleccións —a esa altura xa era evidente o desastre socialista e a emerxencia brutal de Vox— foi a de preparar o terreno para o previsíbel apelo ao voto do medo á chegada da ultra-dereita como mantra de campaña nos próximos comicios estatais, aínda por axendar. A fórmula foi empregada por Susana Díaz na última semana da campaña, sen demasiado suceso. Os estrategas da Moncloa consideran, porén, que pode dar resultado no estado porque nas vésperas deste 2D ninguén en Andalucía —talvez con excepción dos estados maiores dos partidos— podía sospeitar a dimensión do tsunami ultra que estaba a piques de se desencadear. De se ter tido consciencia do que se estaba xestando, a abstención da esquerda tería sido menor e o perigo tería sido conxurado, conxeturan os analistas ao servizo de Pedro Sánchez.

"O meu goberno continuará a impulsar un proxecto rexenerador e europeísta para España. Os resultados en Andalucía reforzan o noso compromiso de defender a Constitución e a Democracia face o medo", escribiu Sánchez esta segunda feira na súa conta twitter.

A escenificación a partir de agora pasa por que Susana Díaz, que en principio desbota demitir, estabeleza contactos con PP e Cs para despregar un cinto sanitario que deixe a ultradereita fóra do baile dos pactos. Mais o asunto non pasará diso, dunha pura escenificación. Quer PP quer Cs deixaron ben claro durante a campaña que si están dispostos a pactar con Vox, formación que en todo momento se esforzaron en branquear, a evitaren cualificala como extrema dereita.

E por se ficaba algunha dúbida, Juan Manuel Moreno, líder do PP andaluz e candidato mellor colocado para ser o primeiro presidente non socialista da Junta, afirmou esta segunda feira: "O PSOE pacta con independentistas e batasunos e pretende que eu non goberne co partido de Ortega Lara", dixo en alusión ao ex militante do PP que agora fai parte de Vox.



x