SOBERANISTAS E ALE VOTAN EN CONTRA

A proposta de Von der Leyden para presidir a Comisión divide o grupo parlamentar socialista

A proposta de Von der Leyden para presidir a Comisión divide o grupo parlamentar socialista
Leyden, no centro, nunha reunión con deputadas do grupo parlamentar popular na Eurocámara
Leyden, no centro, nunha reunión con deputadas do grupo parlamentar popular na Eurocámara  

A súa candidatura racha o compromiso de ser eleita como presidenta da Comisión unha dirixente política previamente sancionada polas urnas nas eleccións ao parlamento europeu do pasado 26 de maio.


A candidatura da dereitista Ursula von der Leyen, ministra de Defensa alemá, vai ser submetida esta terza feira (por volta das 18 horas) ao referendo da Eurocámara. Non vai gañar por goleada precisamente. Terá en contra as formacións soberanistas (ERC e EH Bildu, socios do BNG nas europeas), o grupo Verde-Alianza Libre Europea (en que estará integrada, no momento de tomar posesión do seu escano, Ana Miranda), a esquerda de orixe non socialdemócrata (Die Linke, Podemos...), e até parte do grupo parlamentar socialista. Curioso, porque entre as os seus opositores están, canda franceses e belgas, aqueles cos que cogoberna Von der Leyden en Berlín, o SPD.

O Partido Socialista portugués e o PSOE si apoian a candidata conservadora alemá. Alegan que Von der Leyden asumiu no seu programa certa relaxación das políticas ortodoxas de Bruxelas en materia monetaria, compromisos en relación ás políticas sobre as alteracións climáticas, o avanzo cara á unión bancaria europea e a constitución dun seguro de desemprego para o conxunto da UE. 

Soberanistas e esquerda non outorgarán o seu voto a Von der Leyden pola súa falta de concreción en asuntos clave. "Na súa audiencia coa ALE", relata a Sermos Ana Miranda, "non se comprometeu a nada serio en temas tan importantes como a política social, a ecoloxía, a defensa ou as migracións".

Para ser efectivamente eleita presidenta da Comisión e tomar posesión do seu cargo o próximo 1 de novembro, a conservadora alemá —que tornaría na primeira muller en alcanzar o máximo cargo executivo da UE— precisa o apoio de no mínimo 374 escanos.