As protestas tumban en Chile a suba do metro

As protestas tumban en Chile a suba do metro
Bus urbano ardendo en Santiago de Chile. [Imaxe: @NTN24ve]
Bus urbano ardendo en Santiago de Chile. [Imaxe: @NTN24ve]  
Estado de emerxencia, o Exército na rúa, disturbios nas principais cidades de país. A decisión do Goberno de Salvador Piñera de subir o prezo do suburbano en Santiago de Chile incendiou a capital e despois parte do país. A revolta popular calmouse esta madrugada, levantouse o toque de queda e o transporte urbano en superficie volverá funcionar este domingo.

As protestas empezaron nas propias estacións do metro de Santiago de Chile a pasada semana. Despois estendéronse con lumes en bancos, supermercados, universidades... O transporte quedou bloqueado: suspendeuse a circulación de autobuses e canceláronse numerosos voos. O levantamento contra as medidas do goberno comezara con xente saltando as barreiras do suburbano e negándose a pagar. O prezo do billete incrementouse 3,5%, mais a suba fíxose demasiado onerosa para a maioría da poboación. As protestas derivaron en disturbios na rúa e en enfrontamentos cos carabineiros.

O diario El Mercurio titulaba a súa edición en papel deste domingo: Ola de violencia non cede ante el toque de queda ni la suspensión del alza de tarifas, e relataba as 36 horas “máis violentas desde o retorno da democracia” cos militares nas rúas. A primeira hora, La Tercera informaba do levantamento do toque de queda e a recuperación paulatina do servizo de buses e do aeroporto que “colapsou o sábado”.

“Escoitei con humildade a voz dos meus compatriotas e non terei medo a seguir escoitando esa voz”, dixo Piñera o sábado desde La Moneda para xustificar a súa decisión de renunciar á suba. A oposición do Frente Amplio sinalou os baixos salarios como causa última dos disturbios. 

Beatriz Sánchez, unha das líderes do Frente Amplo, preguntábase onte: “Non ven a desesperación dunha familia que gana o salario mínimo e que gasta 10% ao mes para ir ao traballo?”. As autoridades cifran danos en 76 estacións de metro da capital. O balance de mortos era este sábado de tres persoas falecidas no incendio dun supermercado.