O PSOE europeo eméndase a si propio en Bruxelas

O PSOE europeo eméndase a si propio en Bruxelas

Presenta tres emendas ao informe sobre as negoaciacións do TTIP que pactou a pasada semana co grupo do PP europeo. Propón mudar o ISDS por unha Corte de Investimentos "de carácter público".


O vindeiro 10 de xuño o Parlamento europeo votará o seu posicionamento a respeito das negociacións que manteñen desde 2013 a Comisión e representantes da administración estadounidense para a sinatura dun Tratado de Libre Comercio entre as dúas marxes do Atlántico. 

Neste senso, a pasada semana, a Comisión de Comercio Internacional comunitaria aprobou --cos votos do PP e PSOE-- un informe no que o grupo parlamentar socialista apoiaba a constitución de tribunais de arbitraxe internacional como mecanismo para a resolución de controversias entre os Estados e as compañías transnacionais. 

Este feito suscitou importantes críticas polos prexuízos que carrexan este tipo de instrumentos, tendentes a defender os intereses empresariais fronte aos dos gobernos e os pobos. 

Propoñen unha Corte Internacional de Investimentos de carácter público como mecanismo de resolución de controversias 

Días despois, o Partido Socialista Europeo anunciou que presentará 3 emendas coas que pretende mudar a súa posición ao respeito e asegurou que o obxectivo do pacto co grupo popular tiña por obxecto "que a comisión puidese, cando menos, sacar un informe". Un documento cuxa redacción dirixiu o eurodeputado socialista Bernd Lange.

Nas súas propostas @s socialistas defenden "unha solución permanente para resolver disputas entre investidores e Estados sen o uso do ISDS de arbitraxe privado". Aliás, acrecentan, "a medio prazo" esta "solución" tornaríase nunha "Corte Internacional de Investimentos, de carácter público". 

Desde o PSOE europeo confían en que as emendas sexan aprobadas.