Puigdemont encabezará a candidatura de JxCat ás europeas

Puigdemont encabezará a candidatura de JxCat ás europeas
Puigdemont, durante un discurso desde Bruxelas
Puigdemont, durante un discurso desde Bruxelas  

Junts per Catalunya anuncio este domingo que encabezará a súa candidatura ás eleccións europeas Carles Puigdemont, exiliado en Bélxica.


Carles Puigdemont, ex president da Generalitat de Catalunya que actualmente se atopa exiliado en Bélxica, será o cabeza de lista de JxCat ás eleccións europeas. O acordo electoral ao que chegaron o PDeCat e a Crida para os comicios europeos, estatais e municipais recolle o compromiso de incorporar nas candidaturas, como número un, presas e presos políticos e exiliados.

Así o anunciaba este domingo Elsa Artadi, portavoz de Junts per Catalunya no Parlament, “será a mellor maneira de denunciar a represión que vivimos. Unha voz libre, como a do president Puigdemont”, sinalaba Artadi. Á vez, o president no exilio afirmaba a través das redes sociais que traballará para internacionalizar o dereito á autodeterminación de Catalunya desde o corazón de Europa para todo o mundo. Puigdemont xa encabezara a lista de Junts per Cat ás eleccións xerais de decembro de 2017.

O PDeCat e JxCat tamén acordaron que Jordi Sánchez, a conselleira Laura Borràs, a vicepresidenta do partido, Míriam Nogueras e o eurodeputado Ramon Tremosa conformen os primeiros postos da lista ao Congreso español. Dado que Sánchez permanece en prisión, a líder efectiva de Junts per Catalunya en Madrid será Borràs

Aliás, decidiuse que Artadi sexa a número dous de Quim Forn ás eleccións municipais de Barcelona e que a ex conselleira Neus Munté sexa a número tres.

ERC tamén anunciou que as súas candidaturas aos próximos comicios serán encabezadas por presas e presos políticos. De feito, aprobou situar Oriol Junqueras, que está a ser xulgado polo Supremo, como cabeza de lista ás europeas e ás xerais.