Rajoy lanza un alegato contra o escrache o día seguinte de se desfacer da ILP pola dación en pagamento


Rajoy lanza un alegato contra o escrache o día seguinte de se desfacer da ILP pola dación en pagamento

Considera que as protestas contra o conselleiro de Cultura no Gaiás foron "pioneiras" nesta forma de protesta social que o xefe do Goberno español considera "antidemocrática" e "intimidatoria"


"Entendo o que supón que un teña que abandonar a súa vivenda. Mais iso sempre se fixo e antes ninguén protestaba". "O escrache é antidemocrático". "O pecado dos deputados do PP é que foron escollidos pola maioría. E a maioría non pode ser coaccionada por unha minoría". Son as tres frases que resumen do alegato contra a protesta social que esta cuarta feira pronunciou o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, perante a cúpula do PP. 

Na intervención, que durou algo máis de media hora e a imprensa tivo que seguir a través dunha pantalla de televisión, sen posibilidade de facer preguntas (Rajoy non fala ante os medios desde xaneiro), o xefe do Executivo español dixo que a Galiza era pioneira nesta forma de acción non violenta, e recordou as protestas no Gaiás en contra da xestión que está a levar a cabo o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez.

Esqueceu que son os bancos rescatados con diñeiro público os que están a botar a xente das casas e centrouse en mandar unha mensaxe á Plataforma de [email protected] pola hipoteca (PAH): "chamo a todos os partidos e a todos os españoles" a denunciar a campaña de escraches con que se revolven contra os despexos, uns actos que Rajoy cualificou de "intimidación". 

"Moitos compañeiros do partido están a ser obxecto de acoso e ninguén merece ser acosado", considerou o presidente español un día despois de que o grupo parlamentar do PP no Congreso decidise desfacerse do texto da ILP pola dación en pagamento unificándoa co proxecto de lei que xa se tramitaba a instancias do Goberno e as emendas dos grupos que acepte. As reclamacións das plataformas antidespexos quedarán fóra. Cómpre lembrar que o PP votou a favor desta ILP in extremis e pola persión social no mesmo pleno en que apoiou con rotundidade outra iniciativa en favor de declarar as touradas Ben de interese cultural.