PROCESO AO PROCÈS

Raxoi defende a aplicación do 155: “Eu non negocio a soberanía española”

Raxoi defende a aplicación do 155: “Eu non negocio a soberanía española”
Mariano Raxoi
Mariano Raxoi  

O ex presidente español, que dixo estar “preocupado” polo “clima de violencia” que se vive en Catalunya, defendeu a aplicación do 155 por ser unha medida “proporcional” ao desafío independentista que “vulnerou a Constitución”.


A de Mariano Raxoi era a máis agardada entre as declaracións das 600 testemuñas que pasarán polo Tribunal Supremo durante o xuízo ao ‘procès’. Fíxoo pouco despois de que Soraya Sáenz de Santamarina, na mesma sala, negase que o 1-O houbese brutalidade policial e defendese a “proporcionalidade” da aplicación do artigo 155. Extremos ambos os dous que tamén defendeu Raxoi, que durante as súas case dúas horas de declaración se referiu en diversas ocasións, avalando a tese da Fiscalía, á “violencia” que, asegura, se vivía e vive en Catalunya.

Falou de “crecente violencia” e de “actos violentos” para xustificar a aplicación do 155. Unha medida  “proporcionada” pois en Catalunya estábase a facer “o que non se podía facer”. Situou en todo momento a responsabilidade última do sucedido no independentismo catalán: “Se non fixesen o que fixeron non estariamos aquí”.

Vox, que exerce a acusación popular, iniciou as preguntas a Raxoi, pois foi este partido quen o propuxo como testemuña da acusación. “Era unha situación excepcional e vímonos na obriga de aplicar o 155”. Este foi un dos primeiros argumentos do ex mandatario español e que logo repetiría ao longo da comparecencia: a decisión de suspender o goberno catalán foi responsabilidade do propio goberno catalán por mor das súas decisións, contrarias á Constitución.

“Eu non negocio a Constitución nin a soberanía nacional”, dixo, fixando aí os límites para calquera diálogo. “É o pobo español o que decide que é España”, repetiu en varias ocasións.

Vídeo

Diante da exhibición dun vídeo de cargas policiais nun dos colexios electorais do 1-O, Raxoi dixo lamentar esas escenas maus responsabilizou a aquelas persoas que “actuaron co obxectivo de violentar a lei” de que se producisen esas “imaxes”. Non falou aí de violencia o ex presidente, o que si fixo cando se referiu ao “acoso” en Catalunya a alcaldes constitucionalistas se ben, a preguntas das defensas,  non foi quen de citar nomes deses rexedores e rexedoras acusados ou os municipios onde se deran eses supostos feitos violentos. Limitouse a dicir que o vira “nos medios”.

Urkullu

A preguntas da defensa das persoas acusadas de se o lehendakari Iñigo Urkullu fixo de mediador entre goberno español e catalán antes de aplicar o 155, Raxoi non soubo dicir se se reunira persoalmente co presidente vasco. “Reuninme con moita xente”, manifestou, evitando aclarar se desde Moncloa se apostara por unha canle de mediación coa Generalitat.

Malversación

No que atinxe á acusación de malversación contra os líderes independentistas Raxoi ofreceu nova información. Así, se en febreiro de 2018 aseguraba no Congreso que non se gastara “nin un céntimo"· de diñeiro público para o referendo ( o que tamén dixera o daquela ministro Cristobal Montoro), agora precisou que a secretaría de Estado de Finanzas informou até nove veces ao fiscal do Estado ou ao fiscal do Tribunal de Contas sobre diñeiro que podería ser desviado para o referendo e así "violouse a lei".



x