PROTESTOS ECOLOXISTAS

Reaparecen os 128 retratos ‘secuestrados’ de Macron na mobilización contra o G7

Reaparecen os 128 retratos ‘secuestrados’ de Macron na mobilización contra o G7
Reaparecen os retratos retirados de Macron
Reaparecen os retratos retirados de Macron  

Manifestantes contra a cimeira capitalista do G7 portan os retratos do presidente Macron retirados de edificios públicos nos últimos meses. Ecoloxistas levan desde o mes de febreiro ‘secuestrando’ os retratos para denunciar a hipocrisía dun Macron que se alza como representante da loita contra o cambio climático.


Retratos de Macron retirados de edificios públicos desde o mes de febreiro reaparecen na mobilización que este domingo 25 de agosto recorre as rúas de Baiona contra a cimeira capitalista do G7 na cidade vasca de Biarritz (baixo administración do Estado francés).

As manifestacións sucédense após a multitudinaria marcha do contracumio que reuniu 15.000 persoas desde Hendaia até Irun convocadas por G7EZ contra a cimeira capitalista na mañá do sábado 24. Seguíronlle pola tarde outras protestas que remataron con detencións e persoas feridas.

A campaña ‘Descolgando Macron’ foi lanzada polos movementos Bizi e ANV- COP21

Este domingo, as rúas de Baiona acollen novas manifestacións, e nelas están a reaparecer os 128 retratos de Macron ‘secuestrados’. O movemento ecoloxista e altermundista vasco Bizi está a mostrar as fotografías enmarcadas de Macron que foron retiradas dos concellos do Estado francés desde febreiro.

A campaña ‘Descolgando Macron’ foi lanzada polos movementos Bizi e ANV- COP21, e con ela retiráronse un total de 128 cadros do presidente en múltiples concellos do Estado francés. O primeiro foi precisamente en Biarritz, e desde entón retiráronse 128, 12 deles en na Euskal Herria baixo administración francesa.

Máis de 100 persoas foron interrogadas durante o decorrer desta campaña e varias activistas foron xulgadas por "roubo en grupo con engano". No outono celebraranse novos xuízos en varias localidades francesas.