Estudantes da universidade de Belfast revóltanse contra a “discriminación” ao gaélico

Estudantes da universidade de Belfast revóltanse contra a “discriminación” ao gaélico

O vicereitor da Queen’s University pide desculpas por unha carta na que suxería que rotular en irlandés ía contra a igualdade e a liberdade.


“Dereito, respecto e recoñecemento” foi o lema escollido polos estudantes a Queen’s Uniuversity de Belfast (Irlanda do Norte) para denunciar o que consideran que é unha “discriminación” desta institución para co idioma propio da illa, o gaélico. Universitarios concentráronse diante do reitorado para criticar a oposición da universidade a poñer tamén en irlandés os rótulos do centro. Os estudantes entenden, ademais, que na carta de xustificación desta negativa, o vicereitor da Queen’s, James McElnay, indicábase que o gaélico podía xerar un escenario “provocador, ofensivo e intimidatorio” e que ía contra a “igualdade” e “liberdade” universitaria.

McElnay desculpouse de inmediato e dixo que a universidade estaba comprometida co gaélico, poñendo o exemplo de graos e cursos sobre este idioma.

A defensa do irlandés en Irlanda do Norte está nestes meses a experimentar un importante pulo. En maio pasado, máis de 12.000 persoas manifestáronse en defensa da oficialidade do gaélico para Irlanda do Norte no que foi unha das mobilizacións máis numerosas que tiveron lugar nos seis condados baixo administración británica nos últimos anos. A marcha, co lema ‘Acht na gaeilge anois!’ (Lei para o gaélico xa!), reuniu en Belfast norirlandeses de diferentes idades e condados, que acudiron á convocatoria na defensa do idioma propio da illa, sen pleno recoñecemento oficial en Irlanda do Norte.

Segundo o censo do 2011 nos seis condados hai 65.000 falantes de gaélico, 4% da poboación. Na actualidade, por volta de 5.000 alumnos estudan gaélico nun cento de escolas en Irlanda do Norte. A primeira escola gaélica comezou a funcionar nos seis condados en 1970 se ben non tivo recoñecemento oficial até pasados 14 anos.

Boicot unionista

As eleccións do pasado 5 de maio en Irlanda do Norte deixaron un suor frío no unionismo e un sabor amargo no padal de Londres. O unionismo gañara os comicios, si, cun DUP que lograra 28 dos 108 escanos da Asemblea. Mais perdía o poder de veto que posuía e vía como o Sinn Féin ficaba a apenas 1.300 votos de ser primeira forza nos seis condados. Os republicanos irlandeses atinxiran 27 asentos. Pasado o día das eleccións, comezou a contar o tempo para formar goberno nun prazo de 15 días. En virtude dos acordos de paz de 1998 o goberno debe estar composto por unha formación de cada comunidade: protestante e católica. Así que todos sabían que o executivo de coligazón tería que pasar outra vez polo DUP /Sinn Féin. Porén, dez meses despois, non hai goberno nin se albisca.

Dous son os temas sobre a mesa que o Sinn Féin pon como imprescindíbeis para que haxa acordo e que o unionismo non está disposto a aceptar. Un fai a legalizar o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. O outro, á oficiliadade do gaélico. Os defensores do gaélico queren unha lei que recoñeza esta lingua e garanta dereitos para os seus falantes e para poder estudalo con garantías, ao que se opón o unionismo porbritánico.