Rivera compite co discurso de Vox e acusa Sánchez de ter un plan para "liquidar España"

Rivera compite co discurso de Vox e acusa Sánchez de ter un plan para "liquidar España"
Albert Rivera
Albert Rivera  
De tanto viaxar á dereita, Cs acabou por se internar no territorio de Vox. Rivera lanzou esta tarde un durísimo discurso contra Sánchez, ao que acusou de ter "un plano e unha banda para liquidar España". Inasequíbel ao desalento, Sánchez finxiu non ter escoitado o ataque e formulou a mesma petición que lle dirixiu a Casado: que a quinta feira se absteña para viabilizar a investidura.

Rivera facturou o discurso máis duro da primeira sesión de investidura, un remake da súa campaña de grosas descualificacións contra o líder do PSOE. "O que tería un coste insoportábel é que vostede execute o plan contra España sen oposición" , dixo para a seguir proclamar: "Aquí facemos un debate, pero no cuarto do lado están a negociar os indultos".

"Quedounos claro, Sr. Rivera. E... en fin... entendín a mensaxe", respondeu Sánchez na súa quenda de réplica. E iso foi todo, a réplica máis curta da historia dos debates de investidura. Con ese xesto o candidato socialista escenificaba o ninguneo a Rivera, á quen non concedeu na práctica estatus de interlocutor ao constatar o que calquera observador da política estatal tiña meridianamente claro antes do debate: que non existía a menor hipótese de que Rivera se fose abster para viabilizar catro anos máis de Sánchez na Moncloa.

Porén, Sánchez non dubidou en se dirixir a Rivera para lle pedir que facilitase a formación dun novo goberno socialista. "Un liberal e un centrista non bloquea España", dixo o candidato do PSOE, quen afeou a Cs o seu achegamento á ultradereita de Vox.