MOVEMENTOS DE ÚLTIMA HORA

Rivera propón a Casado unha abstención conxunta e con condicións para investir Pedro Sánchez

Rivera propón a Casado unha abstención conxunta e con condicións para investir Pedro Sánchez

O líder socialista di que “non hai obstáculos reais” e pídelles unha “abstención técnica”.


Manobras e movementos nas últimas horas para evitar unha nova convocatoria electoral. Pablo Iglesias apelou esta fin de semana a un labor de “mediación e arbitraxe” por parte de Felipe VI, afirmando que “sería bo que a institución monárquica asuma unha das tarefas constitucionais que ten atribuídas”.

A semana comezou cunha oferta de Albert Rivera (Cs) a Pablo Casado (PP) esta segunda feira para se abster na investidura do presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez. Unha “solución de Estado”, aseguran desde Ciudadanos, procurando non ficar fóra do taboleiro agora que nin enquisas nin manchetas e editoriais sorríen aos de laranxa.

A proposta é en troques de que Sánchez se comprometa en tres cuestións: non indultar os presos e presas políticos cataláns, non subir os impostos, rachar en Nafarroa co “pacto con Bildu” e non subir impostos.

As socialistas responderon que “non hai obstáculos reais” para que populares e Cs opten pola “abstención técnica” na investidura. Pedro Sánchez dixo que o goberno de Nafarroa “defende a constitución” e non hai acordo ningún con Bildu.

Ademais, Sánchez mostrouse aberto a volver aplicar o artigo 155 de ser necesario. “O goberno actuaría coa máxima contundencia e proporcionalidade” de se producir “unha situación de ruptura do estatuto e a constitución”. Finalmente, e no que atinxe á política económica, o presidente en funcións afirmou que o seu obxectivo era “alixeirar a carga fiscal das familias e das persoas autónomas”.