VAGA DE MOBILIZACIÓNS NOS DOUS PAÍSES

O independentismo axita a Gran Bretaña do 'Brexit' desde as rúas de Gales e Escocia

O independentismo axita a Gran Bretaña do 'Brexit' desde as rúas de Gales e Escocia
ESCOCIA E GALES
ESCOCIA E GALES  

O Brexit axita Reino Unido. Abrir a porta a unha mudanza tan importante do estatus político-económico de Gran Bretaña xerou desde un primeiro momento a reacción do independentismo, escocés e gales, que reclaman o seu dereito a decidir. Unha demanda que se está a concretar a través das March for Independence, primeiro en Escocia e agora en Gales, mobilizacións de miles de persoas onde a reclamación independentista mostra músculo e discurso nas rúas.


Merthyr, unha cidade de 44.000 habitantes no sueste de Gales, foi a praza elixida a inicios de setembro polo independentismo galés para se mobilizar. A terceira Marcha pola Independencia convocada no que vai de ano volveu reunir miles de persoas, máis de 5.000 segundo a organización, reforzando así a dinámica do independentismo de intensificar presenza e mobilización mentres Londres se ensarilla no Brexit.

‘Annibyniaeth’, Independencia, volveu ser a palabra de orde máis coreada e repetida nesta marcha de Merthyr, unha manifestación que contou coa presenza de rostros como o de Eddie Butler, quen fora capitán da selección galesa de rugby, e que dixo antes da marcha independentista que “levo agardando por isto moito tempo”.

Llywelyn ap Gwilym, portavoz da organización convocante, AUOB, recoñeceu que após o resultado do referendo sobre o Brexit “intesificouse” na sociedade galesa o debate sobre o futuro do seu país. Afirmou que aumenta a idea de que os galeses e galesas estarían mellor  se Gales fose unha nación independente, e explicou que con actos como a manifestación do sábado queren que se visibilice esa demanda e que se dea un debate ao redor dela. O líder do Plaid Cymru, Adam Price, afirmou que “durante anos” o “noso desexo” dun Gales independente era percibido como algo afastado e case imposíbel. Mais, apuntou, está a haber mudanzas na sociedade, “as mobilizacións aumentan e as voces [a prol da independencia] son cada vez máis altas”. O apoio a que Gales asuma todas as competencias e se independice vai en aumento a medida que Londres se ensarilla no Brexit, se ben a opción de marchar da UE gañou tamén (a diferenza de Escocia ou Irlanda do Norte) neste territorio.

Concellos

Machynlleth, unha pequena vila de 2200 habitantes, convertíase o pasado 28 de maio no primeiro concello galés en manifestar publicamente o seu apoio á independencia. Unha declaración do goberno local, aprobada en segunda votación co apoio da alcaldesa (Monica Atkins), estabelecía que este concello do leste galés apoiaba “a independencia de Gales e a campaña de Yes Cymru”. Desde entón e até o de agora, perto dunha vintena de municipios máis deron o paso de aprobar mocións nas que explicitamente defenden a independencia de Gales. Un dos últimos en facelo foi o de Caerffili, que o fixo por unanimidade. O apoio deste municipio non é importante só por ser un respaldo procedente dunha vila grande (máis de 30.000 habitantes), senón porque é o primeiro en facelo na zona sur de Gales.

O león escocés

En maio do ano pasado 80.000 persoas tomaban parte en Glasgow nunha manifestación pola independencia de Escocia e a favor da convocatoria dun novo referendo de autodeterminación. A xigantesca marcha, convocada por All Under One Banner, superou todas as expectativas, mesmo as dos organizadores, que contaban con reunir 40.000 persoas.  Nas anteriores edicións, a afluencia estivera por volta de 20.000.

Esas 80.000 persoas na manifestación de Glasgow foron superadas pola manifestación independentista, tamén convocada por All Under One Banner, e que decorreu en Edimburgo a finais de 2018: 100.000 asistentes, segundo a organización. Neil McKay, coordenador da entidade convocante, afirmou que a intención é manter este tipo de mobilizacións de cara a agrupar e ampliar o movemento independentista ao tempo que pular por un novo referendo.

Recentemente, o independentismo escocés volveu marchar, desta volta en Perth, con miles de persoas a encher as rúas.

A primeira ministra escocesa e dirixente do Partido Nacionalista Escocés (SNP, polas súas siglas en inglés), Nicola Sturgeon, anunciou en abril no Parlamento que ía promover un novo referendo sobre a independencia de Escocia. Sinalou que a consulta “é a nosa ruta para evitar o peor dos danos que causará o Brexit”, coa saída do Reino Unido da UE. Un referendo que tería lugar, antes de que conclúa a lexislatura actual, que finaliza na primavera de 2021. “Hai que ofrecer unha elección entre o Brexit e o futuro dunha Escocia independente como nación europea”.