Rufián descarta liñas vermellas e deixa ver que ERC podería viabilizar a investidura de Sánchez

Rufián descarta liñas vermellas e deixa ver que ERC podería viabilizar a investidura de Sánchez
Rufián
Rufián  

Mudanza sustancial no ton de ERC. Se na tramitación dos orzamentos cuxa caída precipitou o adianto electoral, a formación republicana ligaba o seu voto afirmativo á situación dos presos políticos, nos primeiros compases da negociación da investidura de Sánchez a impresión é que non haberá liñas vermellas. "Non vimos coa intención de bloquear absolutamente nada", dixo Gabriel Rufián aos medios após terse visto coa portavoz socialista Adriana Lastra.


Unha abstención dos 14 parlamentares de ERC (ten 15, mais o seu líder Oriol Junqueras ten suspendidos os seus dereitos como deputados) permitiría que Pedro Sánchez, de alcanzar un acordo con Unidas Podemos, puidese ser eleito presidente en segunda volta (na primeira exíxese maioría absoluta, na segunda basta con que teña máis votos afirmativos que negativos).

Esta mesma semana, o PSOE mudou de discurso a respecto do bloque independentistas. Pasou de afirmar (Sánchez en entrevista con El País) que non querían depender dos soberanistas a dicir que "os 350 deputados nos merecen a mesma consideración e contan o mesmo" (Ábalos esta cuarta feira). A relaxación da súa política de alianzas facilitou moito as cousas a Adriana Lastra, que esta quinta feira mantivo un encontro co portavoz de ERC, Gabriel Rufián, no marco da rolda de contactos coa investidura de Sánchez como albo.

A entrevista non foi mal para os intereses do PSOE, aínda que é cedo para Ferraz cantar vitoria. Rufián dixo que non teñen vocación de bloquear nada, mais a seguir afirmou que tampouco lle van asinar un cheque en branco a Sánchez. E concedeu que os acontecimentos de Barcelona —o PSC negocia a investidura de Ada Colau, o que deixaría fóra do bastón de mando a Ernest Maragall— poden condicionar o sentido de voto da formación republicana.

O que non haberá son "liñas vermellas", dixo Rufián, quen non ligou o debate sobre a investidura co futuruo dos presos políticos, pendentes agora da leitura da súa sentenza. No canto de pór o acento en "condicións sine qua non", o republicano preferiu poñelo na súa palabra mantra: diálogo.